HomeTerra de LemossanidadeO equipo de goberno da Pobra do Brollón alerta sobre a falta...

O equipo de goberno da Pobra do Brollón alerta sobre a falta de médicos no centro de saúde

Segundo informan desde o concello da Pobra do Brollón, o centro conta dende hai meses cunha soa praza médica cuberta, debido a que non se substituíu de xeito definitivo ao facultativo xubilado o pasado mes de setembro. 

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A través das redes sociais o concello informa de que a situación agravouse recentemente, tras a baixa da única facultativa restante, que coincide ademais co aumento de poboación estival e, por tanto, cun incremento na demanda. “A súa baixa estase a cubrir con días soltos e sen unha previsión real, resultando en que hai días nos que a veciñanza da Pobra do Brollón está desprovista totalmente de atención médica”, aseguran.

Así, a día de hoxe, non hai consultas médicas dispoñibles ata dentro de nove días, e ademais nun horario limitado a aproximadamente unha hora cada día. A esta demora en acceder a unha consulta hai que sumar o inconveniente dunha falta de atención continuada e estable, especialmente importante para persoas con enfermidades crónicas. “Tendo en conta a avanzada idade media da poboación da Pobra do Brollón, a situación faise especialmente preocupante”, sinala o alcalde, Xosé Lois Maceda.

Dende o goberno municipal tamén se denuncia a ausencia de pediatra no Centro de Saúde local, que tan só atende un día á semana, e actualmente ningún xa que está de baixa sen cubrir. “Ambas situacións implican a deriva aos servizos de saúde de Quiroga ou de Monforte, xa de por si saturados, e coas dificultades que isto supón para a poboación, especialmente para os máis maiores”, engade Maceda.

Esixen desde o concello que, como mínimo, se ocupe de xeito definitivo a praza do médico xubilado e se cubran as baixas do médico de familia e do pediatra con maior rapidez e continuidade no tempo. “Son uns mínimos para que a veciñanza da Pobra do Brollón poida recibir a atención sanitaria digna e de calidade á que teñen dereito todos os cidadáns e cidadás”, asegura o alcalde.

O PP local acusa ao alcalde de crear “alarmismo innecesario”

O voceiro popular, Teddy López, cualifica de “inaceptable e sectaria” a actitude do rexedor que, “lonxe de colaborar na procura de solucións, prefiriu lanzar unha campaña de descrédito e presión inaceptable sobre os profesionais da saúde”.

Afirma que ante a baixa laboral da titular do consultorio, procedeuse de inmediato a designar un médico substituto, “No seu primeiro día, o facultativo asignado non puido acudir ao centro de saúde debido a unha cita médica propia, un dereito fundamental e incuestionable que asiste a calquera traballador, incluídos os profesionais sanitarios”. Posteriormente o médico incorporouse, “e durante todo o mes de agosto esa praza estará cuberta e os veciños da Pobra do Brollón disporemos sempre de médico no centro de saúde”.

Teddy López esixe ao alcalde que abandone a mentira e a demagoxia. “A Pobra do Brollón non pode permitirse un alcalde que semente alarmismo entre os veciños inventando crises asistenciais onde non as hai e poñendo en risco a atracción e estabilidade de profesionais médicos no rural”, denunciou. E engade, “o Goberno de España non dá solucións ao déficit de profesionais en determinadas especialidades como medicina familiar e comunitaria”. 

ÚLTIMAS

O enólogo Roberto Regal contribúe ao nacemento da primeira adega comunitaria de carácter público de Asturias

Roberto Regal e o seu equipo, liderado pola enxeñeira Carmen Fernández Ledo, traspasaron fronteiras...

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos...

Antom Garcia presenta na Pobra do Brollón un ensaio sobre a pegada da emigración galega en Lisboa

A través de fontes históricas e literarias, o ensaio de Antom Garcia Rodrigues indaga...

Triacastela recibe a Antonio Barros e iAlma co espectáculo “O Camiño de Vieiras Amarelas”

Triacastela será este sábado unha nova etapa de "O Camiño de Vieiras Amarelas", o...