O senador José Manuel Balseiro e a deputada nacional Cristina Abades compareceron en rolda de prensa dende Sarria acompañados pola portavoz do PP local, Carmen José López, e a portavoz do PP de Monforte, Katy Varela, para reivindicar un servizo “moi valorado” e que “segue sendo moi demandado”.
Os populares reclaman ao Goberno de Sánchez que aclare se ten previsto recuperar esta conexión e, no caso contrario, que explique por que mantén a súa supresión seis anos despois de rematada a situación excepcional que a motivou. Na iniciativa reclaman tamén os datos de viaxeiros, prazas ofertadas e ocupación correspondentes a cada un dos cinco anos anteriores á súa supresión: 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019. Para os populares, non é aceptable que o Goberno pretenda xustificar a desaparición dunha conexión ferroviaria de longa distancia tomando como referencia unicamente os datos de 2019, como fixo nunha resposta parlamentaria de novembro de 2023.
“Se realmente queren avaliar a demanda do servizo, que poñan enriba da mesa todos os datos dos cinco anos anteriores á súa supresión e permitan comprobar a súa evolución”, sinala Balseiro. Máis aínda cando se pretende avaliar a utilidade dun servizo despois dunha interrupción provocada por unha situación extraordinaria como a pandemia.
O PP lembra que o tren-hotel permitía saír de Galicia pola tarde, viaxar durante a noite e chegar a Barcelona pola mañá, aproveitando as horas de descanso e evitando perder unha xornada completa no desprazamento. A reivindicación, ademais, segue plenamente vixente seis anos despois da súa desaparición.
Carmen José López subliñou que “Sarria non era unha simple parada dun tren que chegaba a Lugo; formaba parte do percorrido completo do tren-hotel Barcelona-A Coruña. É obvio que para a veciñanza do municipio era unha conexión importante da que se nos priva nunha mostra máis da desatención e discriminación do Goberno aos intereses do municipio”.
Katy Varela insistiu en reclamar “a recuperación dos servizos suprimidos” e engadiu que “non vale de nada gastar os cartos en arranxar a Praza da Estación, como fixeron en Monforte, se logo non pasan trens pola cidade”. A voceira popular avanzou que levará esta reclamación ao Pleno do Concello.
Balseiro asegurou que “nos últimos 7 anos, co Goberno de Sánchez, Galicia sumou frecuencias e servizos, mentres que Lugo perdeu entre o 30 e o 40%. Lugo perdeu dúas frecuencias directas con Madrid, a conexión a Bilbao e o tren nocturno a Barcelona. Isto todo nos últimos 7 anos”.
O PP considera que recuperar o tren-hotel sería tamén apostar por unha mobilidade moderna e ofrecer unha alternativa competitiva ao vehículo privado e ao avión, nun momento no que os servizos ferroviarios nocturnos están recuperando protagonismo en Europa. “Seis anos de supresión xa son suficientes. O Goberno xustificou a eliminación pola pandemia e posteriormente pola súa baixa rendibilidade. Pero a normalidade volveu hai anos, a demanda segue reclamándoo e a provincia de Lugo continúa perdendo oferta ferroviaria”, conclúe Balseiro.

