A formación nacionalista considera que unha infraestrutura “cun investimento previsto superior aos cinco millóns de euros e que suporía unha transformación permanente dun dos espazos verdes e de paseo máis emblemáticos da cidade non pode executarse sen analizar previamente se é realmente necesaria e se existen outras alternativas”.
O voceiro municipal do BNG, Emilio J. Sánchez, sinala que a posición da formación é clara. «Nós compartimos o obxectivo de peonalizar a Ponte Medieval. O que non aceptamos é que se presente a construción dunha nova ponte no Malecón como a única maneira posible de facelo».
Por este motivo, o BNG propón que, antes de acometer actuacións irreversibles, o Concello encargue un estudo independente que analice os efectos reais da peonalización da Ponte Medieval, a redistribución do tráfico e diferentes alternativas de mobilidade, incluíndo expresamente aquelas que permitan avanzar na peonalización sen construír unha nova ponte sobre o Cabe.
A proposta do BNG establece que, unha vez elaborado o estudo, os seus resultados deberán facerse públicos xunto coa información sobre o proxecto da nova ponte e as alternativas analizadas. Só despois deste proceso de información se procedería á convocatoria dunha consulta popular municipal.
«Queremos unha consulta seria, cunha cidadanía plenamente informada e con todas as opcións sobre a mesa. Non queremos que se lle pregunte á xente se prefire peonalizar a Ponte Medieval ou conservar o Malecón, porque esa é unha falsa disxuntiva. Queremos saber se é posible conseguir esa peonalización mediante outras alternativas menos agresivas», explica o voceiro nacionalista.
O BNG lembra que a propia lexislación permite aos concellos promover consultas populares sobre asuntos de competencia municipal e especial relevancia para a veciñanza. A moción propón iniciar este procedemento ao abeiro do artigo 71 da Lei reguladora das bases do réxime local e do artigo 257 da Lei de Administración local de Galicia, que contemplan o acordo por maioría absoluta do Pleno e a posterior autorización do Goberno do Estado.
“O Malecón non admite marcha atrás”
A formación nacionalista insiste en que a proposta non pretende paralizar a peonalización da Ponte Medieval, senón garantir que esa decisión se adopte dentro dunha planificación global da mobilidade e evitando actuacións irreversibles que posteriormente poidan demostrarse innecesarias.
«Non estamos falando dunha obra que poida corrixirse dentro de cinco anos. Unha vez transformado o Malecón, non hai marcha atrás. Precisamente por iso pedimos prudencia, información e participación», sinala Emilio J. Sánchez.
O BNG resume a súa proposta nunha secuencia clara: elaborar primeiro un estudo independente de mobilidade, facer públicos os resultados e todas as alternativas e, finalmente, convocar unha consulta popular para que Monforte poida decidir. «O futuro do Malecón non debería decidirse entre catro paredes. Se esta actuación vai cambiar para sempre un espazo que pertence a toda a cidade, cremos que Monforte merece coñecer todas as alternativas e ter a última palabra», conclúe o voceiro municipal do BNG.

