A nova voceira nacionalista é veciña de Vilaesteva e profesora de Lingua Galega de Secundaria en Escairón. Con este cambio no equipo de dirección, o BNG do Saviñao abre unha nova etapa co obxectivo de consolidar o crecemento da formación no concello, fortalecer o contacto directo coa veciñanza de todas as parroquias, e ofrecer unha alternativa política sólida e transformadora.
Nas súas primeiras declaracións tras o nomeamento, Patricia amosouse moi agradecida pola confianza depositada pola asemblea, e subliñou as ganas do novo equipo para traballar polo futuro do Saviñao. “Comezo esta nova etapa con moita ilusión, pero tamén coa máxima responsabilidade. O Saviñao é un concello marabilloso, con moitísimas posibilidades, un patrimonio envexable e unha veciñanza emprendedora. Porén, levamos demasiado tempo sofrindo as consecuencias dunha mala xestión municipal, caracterizada pola falta de iniciativas, o abandono dos servizos básicos e a ausencia dun modelo de futuro para o noso municipio”, manifestou Patricia.
A nova responsable local remarcou que a prioridade do BNG será colocar no centro da axenda política os problemas reais das familias, dos sectores produtivos, do comercio local e do medio rural do Saviñao. “Non nos resignamos a ver como O Saviñao perde oportunidades día a día. Imos traballar arreo, a pé de rúa e escoitando a todo o mundo, para acadar o avance, a mellora dos servizos públicos e o benestar que a nosa veciñanza merece. Hai alternativa e imos demostralo con propostas e con traballo diario”, engadiu.
Desde a asemblea local subliñan que esta nova etapa estará marcada “polo diálogo constante con colectivos, asociacións e veciños e veciñas do concello, sumando esforzos para construír un proxecto colectivo que revitalice O Saviñao”.

