HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Os días iguais

Así viviamos hai un ano a pandemia: Os días iguais

Cando estudabamos literatura no instituto, na miña adolescencia perenne, non entendía nunca como os poetas teimaban en falar do paso do tempo.

Publicado o

POR
Ramón González Rey
- Advertisement -

Diario de Corentena do 20 de abril do 2020:

O que nos din as palabras varía co tempo. Hai anos, cuñao -sen a d- remitía ao Risitas, aquel colaborador do programa de Jesús Quintero, o daquela risa contaxiosa. Hoxe serve para atizarlle a calquera que teña unha opinión que nos parece equivocada ou interesada sobre calquera tema, a todo aquel que se pronuncia desde o prexuízo, o egoísmo ou a inconsciencia. Que probablemente sexa todo o mesmo.

Estes días escoito a outro cuñado, o de Madonna. Joe Henry é un músico tan descoñecido como talentoso, ambas condicións en grao proporcional á celebridade da irmá da súa muller. Foi produtor dalgúns dos máis grandes músicos do século XX (Solomon Burke, Elvis Costello & Allen Touissant, Loudon Wrainwright III) e do protagonista de ‘House‘, e fixo catorce discos que pouca xente escoitou.

UN CONCERTO CANCELADO

O último deles é ‘The gospel according to water‘, que escribiu en 48 horas e gravou en acústico despois de que lle diagnosticasen un cancro de próstata de estadío IV. Unha reflexión sobre a nosa folla caducifolia: “móveste como o verde por esta tarde / escalando montañas para atoparme na miña cama”, cántalle á morte, e pouco despois admite: “pero vivo para ser conquistado / estou a loitar da túa parte”. Tamén lle canta: “se ti pos as condicións da miña rendición / entón eu porei a guerra”.

A Henry a vida gardáballe unha segunda oportunidade. Así que ía saír de xira e viña cantar a súa verdade a San Sebastián o primeiro de maio, e eu ía a Donostia a escoitalo por primeira vez e agradecerlle todas as boas horas que lle debo. Estes días comunicáronme por correo electrónico que me devolverán, coa maior celeridade posible, o diñeiro das entradas.

OS PLANS AO TRASTE

Cantos plans irán ao traste polo coronavirus. Grandes e pequenos. Unha escapada necesaria de fin de semana, o noso posto de traballo, unha empresa enteira. Colleitas. Vidas que marcharon e marcharán antes do que lles correspondía.

Nas nosas conversas por videoconferencia, mentres rascamos as barbas descoidadas e vemos como se entreteñen e como medran os pícaros das familias, de bebés a nenos, os amigos comentamos o moito que nos tarda tomar unhas cervexas (tomar unhas cervexas non, emborracharnos) no nosos bares de sempre. E ese, quizais, é -á par de quedar na casa- o único acto de resistencia ao que por agora podemos aspirar. E tamén sexa, quizais, un punto de partida.

AXUSTAR AS LENTES

Cando estudabamos literatura no instituto, na miña adolescencia perenne e estática, na que o mundo enteiro era sempre unha promesa, non entendía nunca como os poetas -as poetas sempre eran, segundo o temario, menos e menos interesantes– teimaban en escribir do paso do tempo. O amor, o desamor, a inxustiza e a guerra, a existencia ou non de deus, entendía (ou cría entender) todas esas experiencias. Pero o paso do tempo?

Nestes días iguais vemos chegar a luz e escurecerse desde a ventá, e aló vai a vida. Pero ‘The gospel according to water’ faime pensar que estou onde debo estar. Como dicía o personaxe de George Clooney nunha gran película, “mantendo as constantes vitais e tendo un pouquiño de esperanza“. Sen grandes plans máis que vernos.

Nun momento do disco, enfermo de cancro, Henry canta que podemos saír das desgrazas -ou alomenos vivilas- coas lentes axustadas: “Se non é a miña mellor tempada, aínda podería ser a miña gloria / vivir libre de futuro e do peso da historia”.

ÚLTIMAS

IGV denuncia que a Deputación convoca axudas para a vivenda do seu persoal e non impulsa unha política propia de vivenda social

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 17 de outubro de 2026 recolle unha...

A Cooperativa Lemos celebra a súa xuntanza anual e cea de confraternidade

A Cooperativa Lemos celebrou a súa xuntanza anual e cea de confraternidade para apoiar...

Agroma Sober leva a pleno revalorizar a Amandi, mellorando vías e fontes

A pesares de ser o nome que dá sona e historia aos viños da...

O BNG de Monforte presenta unha moción para que o Concello priorice o traballo cos bancos que manteñen atención presencial na cidade

O BNG de Monforte de Lemos presentou unha moción ao Pleno municipal para reclamar...