IniciosociedadeBendilló acolle a XIX edición da Mostra do Aceite de Quiroga

Bendilló acolle a XIX edición da Mostra do Aceite de Quiroga

A localidade que presume de ter o muíño de aceite máis emblemático do Concello de Quiroga será mañá, 12 de maio, o lugar de encontro dos amantes do aceite e das tradicións.

Publicado o

- Advertisement -

O evento, que este ano cumpre dezanove edicións e ten a distinción de Festa de Interese Turístico, vai pouco a pouco consolidándose no calendario de citas gastronómicas e máis aínda co interese que está acaparando ultimamente o aceite en Galicia. Neste caso, a cita ten como valor engadido que o que se comercializa é “made in Quiroga”, nalgúns casos feito a partir de variedades exclusivamente autóctonas, mansa e brava, e noutros a partir de variedades diversas.

O muíño de Bendilló, quizais o mellor conservado de cantos se poden atopar aínda hoxe no concello, a poucos quilómetros de Quiroga no tramo da N-120 entre Quiroga e Montefurado, será o protagonista dunha demostración de elaboración de aceite ao xeito tradicional, tal e como se facía naqueles tempos co esmagado das olivas coa roda de pedra impulsada pola forza dun burro, posterior prensado nos capazos e filtrado final con auga quente.

O muíño en cuestión consta de pía para moer, mazo para prensar e decantadora; o edificio é unha construción de pedra e lousa con cuberta a unha auga, totalmente restaurado no 1993 polo Concello de Quiroga. Resulta difícil precisar a antigüidade que ten pero tense constancia de que este tipo de enxeños estea relacionado coa presenza dos romanos a partires do século II.

O Concello e Quiroga organiza esta mostra e leva un control sobre a produción e a calidade do mesmo dende o momento da inscrición dos colleiteiros interesados en participar ata o momento previo á propia mostra. Así, o pasado 3 de maio, membros cualificados da asociación AMIAQUIGAL -Asociación de Amigos de los Aceites de Quiroga y Gallaecia- fixeron unha cata no Museo Etnográfico Municipal de Quiroga e o veredicto foi que o aceite presentado este ano é de excelente calidade.

Este ano presentan os seus aceites un total de 5 colleiteiros, un menos que o ano anterior. Son produtores que non comercializan o seu ouro verde baixo marca de xeito profesional e aos que o Concello de Quiroga lles permite o uso da etiqueta “Aceite de Quiroga”, marca rexistrada no seu día polo concello como garantía de calidade e de procedencia.

Os colleiteiros deste ano son: Pedro Soto Losada, José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Manuel Mondelo Rodríguez.

No recinto feiral, no lugar das Farrapas, ademais dos colleiteiros haberá tamén postos con produtos gastronómicos da zona, marmeladas, licores, pan, doces e tamén postos de xoguetes e de artesanía.

Aspecto do recinto feiral. Foto: XMF

programa do evento

Ás 11:30 h. terá lugar a posta en funcionamento do Muíño de Bendilló e comezará a demostración da elaboración tradicional do aceite.

A esa mesma hora actuará o Grupo de Gaitas “O Recanto” no recinto da feira, e ás 12:00 h. procederase á cata comentada dos aceites participantes na mostra no interior da Capela das Farrapas, a carón mesmo do muíño.

Cata aceites na Capela das Farrapas. Foto: Concello de Quiroga

Ás 12:45 h. actuacións de danza co Grupo San Martiño e música tradicional a cargo do Grupo de Gaitas “O Recanto”.

Para amenizar o xantar volverán entrar en escena os quirogueses de “O Recanto”.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...