IniciosociedadeRosa Cedrón inaugura o Festival do Viño monfortino cun canto ao seu...

Rosa Cedrón inaugura o Festival do Viño monfortino cun canto ao seu avó

Nunha inauguración ateigada de autoridades do mundo da política destacou o discurso reivindicativo de Tomé sobre a necesidade de consolidación do certame e as palabras emotivas da cantante Rosa Cedrón lembrando as súas orixes.

Publicado o

- Advertisement -

A 3ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte botou a andar oficialmente na tarde de hoxe nun acto inaugural multitudinario, non só debido ao número de autoridades presentes, senón tamén pola presenza de representantes das 25 adegas participantes e moitos cidadáns e visitantes.

Previamente ás intervencións do Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e da madriña do evento, a cantante e violonchelista monfortina, Rosa Cedrón, o grupo Habelas Hainas amenizou o evento inaugural pasadas as seis e media da tarde.

Na súa intervención José Tomé Roca comezou recordando que o Festival do Viño foi unha “iniciativa municipal que botou a andar en 2017 en colaboración coa Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, cunha clara vocación de consolidarse no tempo” cuxo obxectivo non é outro que promocionar o viño da Ribeira Sacra. Agradeceu a presenza dos convidados e convidadas, animou aos cidadáns e visitantes a gozar dos viños e da programación do evento e tivo palabras especiais para os adegueiros pola súa colaboración e implicación. E como non podía ser menos, tamén lembrou a inmediata colaboración da monfortina Rosa Cedrón, madriña do evento, que se puxo á disposición da organización sen pensalo.

Discurso de José Tomé na inauguración do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. Foto: Prensa concello de Monforte

A monfortina, na súa intervención, tivo unhas palabras moi emotivas para a súa familia e salientou con orgullo a súas raíces monfortinas, un discurso onde fixo aparecer algunhas bágoas entre os asistentes, e no que se expresou tamén na súa “primeira lingua”, o canto, dedicado ao seu avó.

A continuación dos parlamentos oficiais de apertura do evento, a nutrida comitiva institucional iniciou un percorrido polos 25 postos das adegas participantes, así como tamén polos de artesanía e gastronomía presentes no Festival.

Brinde de autoridades. Foto: Prensa concello de Monforte

Programación para hoxe 6 de xullo

11:30 h. – Apertura dos stands.

12:00 a 14:00 h.- Obradoiro de Olería Tradicional da Ribeira Sacra – Figulus.

18:00 a 19:00 h.- Velaisca Animación: desenvolverán o obradoiro “Descórchate” no que se empregarán materiais relacionados co mundo do viño como é a cortiza.

19:00 a 20:00 h.- Taller Tradicional. Contacontos. Anxo Moure.

23:30 h.- Concerto “The Teta`s Van”: Revolución en feminino. Artistas e malabaristas, profesores, estudantes, nais, irmás, tías e amigas que buscan a diversión e a felicidade a través das notas e da nosa lingua galega.

As 25 Adegas participantes nesta 3º edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte son:

  1. Algueira
  2. Peza do Rei
  3. Ponte da Boga
  4. Abadia da Cova
  5. Alma das Donas
  6. Lucenza
  7. Atrium Vitis
  8. Rectoral de Amandi
  9. Petrón
  10. Don Bernandino
  11. Adega Vella
  12. Condado de Sequeiras
  13. Instinto Romano
  14. Pilares de Belesar
  15. Rectoral de Gundivós
  16. Guímaro
  17. Viña Vella
  18. Tolo do Xisto
  19. Malcavada
  20. Tear
  21. Coronin
  22. Ciudáseis
  23. Regina Viarum
  24. Finca Millara
  25. Vía Romana

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...