IniciosociedadeUn magosto en luns e en agosto

Un magosto en luns e en agosto

Esta é a atrevida proposta festiva que ofrece unha comisión de festas da aldea de Santa Eufemia, no Concello de Folgoso do Courel.

Publicado o

- Advertisement -

Xa o dicían Os Resentidos, “o magosto para agosto”, e velaí que un grupo de veciños e veciñas deste lugar do Courel decidiu organizar para hoxe luns 11 de agosto unha xornada festiva cun magosto como protagonista.

A aldea de Santa Eufemia, unha das máis poboadas da contorna de Folgoso do Courel, levaba anos sen organizar as festas e tamén axudou esta circunstancia para que un grupo de atrevidos/as tiraran para adiante coa idea de montar algo que poida xermolar e facer posible a recuperación da mesma.

Uns dos ‘armadanzas’ son Dani e Verónica, de Caurelor, pero segundo nos contan hai máis xente implicada que está traballando a tope estes días para que todo saia ben. Falamos con Verónica.

Santa Eufemia, como outras aldeas do rural, aumentará de poboación en agosto?

Non o sabes ti ben. Pasamos de 30 habitantes durante o ano a uns 200.

Douscentos? Quítalle algo!

Si, tal como cho conto. Aumenta a poboación un 150 por cento (risas). Hai casas que pasan de estar baleiras a ter unha ducia de persoas en agosto.

Como xurdiu a idea desta Festa-Magosto?

Levabamos varios anos dándolle voltas ao tema. A idea de recuperar a festa que se perdeu xa hai moitos anos e as ganas de facer algo en agosto aproveitando que hai tanta xente de fóra tiraban moito por nós. Pero entre ocupacións varias e non acabarnos de decidir, pois non se facía… E este ano botamos adiante a organización tamén grazas á axuda de veciños/as que nos animaron e que están axudando moito.

E eses veraneantes de agosto, claro, moitos/as deles non poden vir no outono?

Claro, e tamén é un bo motivo para que podan degustar as castañas asadas no Courel aínda que sexa fóra de tempada.

Como facedes para conservar as castañas?

Están conxeladas nun arcón. Conxeladas con casca aguántanse ben, e á hora de asalas non perden sabor nin propiedades.

Que previsión tedes de cantidade para asar esta noite?

Sobre 300 quilos.

O magosto é o protagonista pero tedes unha xornada moi completa. Cóntanos.

Pola mañá, ás 12:30 h. temos Misa e procesión e ás 13:00 h. sesión vermú cos “Cantores do Courel”.  De cara á tarde, entre as 17:00 e as 19:00 h. xogos populares para todas as idades -lanzamento de boina, carreiras de sacos, tiro de corda e guerra de globos de auga-, de 19:00 a 22:00 h. inchables de balde para os máis pequenos e campionato de dardos e futbolín. Para rematar a xornada, sobre as 20:30 h., cea magosto a base de empanada de castañas, tortilla, paella, chourizos á sidra e castañas asadas do Courel. Todo o anterior no Campo da Festa, con música e chocolatada para aguantar a friaxe da madrugada.

Trofeo para o campionato de dardos. Foto: Organización

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...