HomesociedadeO ‘Qui-Roma’ quirogués de promoción por Lugo

O ‘Qui-Roma’ quirogués de promoción por Lugo

Os organizadores presentaron a sexta edición desta recreación romana na Delegación da Xunta de Galicia en Lugo e a continuación pasearon polo berce do Arde Lucus aos estravagantes personaxes “Cachelus, Chicocuartus e Melenus”.

Publicado o

- Advertisement -

O vindeiro 17 de agosto Quiroga recreará por sexto ano consecutivo o pasado romano que conserva Quiroga, e non precisamente na capitalidade do concello senón en lugares emblemáticos como Margaride ou Montefurado, entre outros.

O caso é que tirando deste feito os organizadores crearon un evento que intenta recrear eses tempos e que, polo de agora, tira máis polo festivo que polo cultural e divulgativo. O programa caracterízase por organizar unha gran troula romana, involucrando a quiroguesas e quirogueses na mesma para que se caractericen e vivan un día de festa como romanos e castrexos, e paralelamente realizar diversas actividades, algunhas delas contextualizadas na época como un mercado romano, desfiles militares ou unha loita de gladiadores.

Imaxe do Qui-Roma de anos anteriores. Foto: Qui-Roma

O evento, sen pretender ser un “Arde Lucus” en pequeno, diferénciase deste no fío condutor, que non é outro que a xolda, calquera escusa para a xolda é posible e montar un escenario romano para desenvolvela é o caso.

Tirando desa xolda, desa troula que se busca para animar e dinamizar Quiroga no mes de agosto, o ambiente festivo que se crea está tendo éxito en público pero tamén hai quirogueses críticos pola formulación do mesmo e botando a faltar un compoñente máis cultural e divulgativo.

Nese contexto de troula e carallada, a organización estalle dando protagonismo a tres extravagantes personaxes que promoven o evento nas redes sociais e que protagonizaron a presentación e paseo promocional por Lugo o pasado mércores, “Cachelus, Chicocuartus e Melenus”.  Cachelus representa a un líder castrexo, Melenus un emperador e Chicocuartus a un militar.

Os tres personaxes, imaxe en redes sociais do Qui-Roma, en Lugo. Foto: Org. Qui-Roma

O evento, como novidade importante desta ano, cambia a súa habitual ubicación da Praza Maior, no barrio da Praza, á Praza do Auditorio –o Auditorium– feito que tamén está creando controversia entre os quirogueses e quiroguesas. A organización, nun comunicado público en redes sociais, traslada que nesa ubicación terán moito máis espazo para desenvolver as actividades, que son moitas, que hai un pequeno anfiteatro que vai moi ben tamén para as representacións, e de cara ao espectáculo de cetraría este espazo máis aberto facilitará as súas demostracións. Indican así mesmo que despois farase unha valoración e decidirase de cara a vindeiras edicións.

Programación do Qui-Roma 2019

O sábado 17 durante todo o día haberá diversas actividades, para todos os públicos, comezando ás 10:00 h.. cunha ruta de cabalos pola zona.

Ás 11:00 h. farase apertura do mercado Qui-Romano e haberá exposición de cetraría. Nesa localización tamén unha interesante exposición de fiado tradicional e actividades creativas para nenas e nenos.

O primeiro desfile militar, protagonizado pola Guardia Romana Lucus Equites, será ás 11:30 h. e farase pola Vía Rez -Rúa Real-.

Ás 12:30 h. paseo de burros para nenos e nenas, música a cargo dos Gaiteiros Castrexos “Brabán” da Pobra do Brollón e chegando ás 13:00 h. demostración no “Auditorium” da Guardia Romana Lucus Equites.

A continuación vermú Qui-Romano e “Comilonium” e pola tarde seguirán as actividades para os máis pequenos/as cos obradoiros anteriores e tamén coa “escola de pequenos gladiadores”.

Repetirase o desfile imperial da mañá e a música dos Palletas ambientará o recinto ata as 19:00 h. cando terá lugar o espectáculo de cetraría. A continuación, ás 20:30 será o desfile Qui-Romano “Arde-Loucos” pola Rúa Rex, principal arteria de Quiroga. Participarán músicos, a formación militar Guardia Romana Lucus Equites e os espectaculares bois de Mario Nogueira, coñecido gandeiro de Chao da Casa.

Como fin de festa, pola noite será o espectáculo que recrea a loita de gladiadores para a continuación repoñer forzas cunha gran paella, música coa disco móbil Fabrik e gran sorteo final.

ÚLTIMAS

72 persoas con contrato laboral grazas ao Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada 23/24, financiado pola Consellería de...

O BNG urxe ao Goberno do PP o arranxo íntegro da LU-651

Iago Suárez lamentou o voto en contra do PP a unha iniciativa que solicitaba...

Teatro para público infantil este 13 de setembro no Multiusos de Monforte

O Concello de Monforte continúa co seu ciclo de teatro correspondente ó segundo trimestre...

Ferran Centelles: “A Ribeira Sacra ten todo o necesario para estar na cima do viño español”

O artigo, titulado Ribeira Sacra - a denominación nun delicado equilibrio, foi publicado o...