O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra creouse no 2005 co obxectivo principal de vertebrar a cooperación das administración integrantes para a dinamización turística do territorio da Ribeira Sacra, considerado pola Xunta de Galicia como un xeodestino. Esta entidade está conformada por 21 concellos, 13 do sur de Lugo e 8 do norte de Ourense, o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra e a Asociación Ribeira Sacra Rural.
O pasado 9 de outubro tivo lugar unha sesión plenaria do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e foi neste contexto no que se decidiu a presidencia por catro anos máis. Á esperada candidatura de continuidade do alcalde de Sober, Luis Guitián, sumábase a candidatura alternativa de José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, opción que algúns medios catalogaron de sorpresa. Dos 227 votos que se reparten os 21 concellos, o Consello Regulador e a Asociación Ribeira Sacra Rural, Guitián acadou 127 e José Manuel Rodríguez 99, un dos votos resultou ser nulo -cada concello ten un voto por cada concelleiro/a mentres que Consello Regulador da DO Ribeira Sacra como Asociación Ribeira Sacra Rural teñen 11 votos cada un-.
Coñecemos mellor a entidade que dinamiza o turismo na Ribeira Sacra e o labor presidencial da mesma a través desta conversa que mantivemos co presidente reelixido, Luis Fernández Guitián.
-Cal é a razón de ser do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra?
-Basicamente levar a cabo accións de dinamización turística do territorio, neste caso o xeodestino que coñecemos como ‘Ribeira Sacra’. Accións directas a través de programas e ciclos de promoción turística ou editando publicacións; e acción indirectas como xestionar e coordinar accións promocionais ou realizar contactos comerciais. Só realizamos actividades de impulso e de acompañamento pero de portas para fóra pode parecer que temos competencias maiores. Igual se chega a esa conclusión porque estes últimos anos o Consorcio tivo moito protagonismo con accións tan mediáticas como a de ‘Master Chef’ ou o programa de Calleja ‘Volando voy’.
-As accións de dinamización non teñen porque partir unicamente do Consorcio de Turismo, verdade?
-Poden ser iniciativas de terceiros/as, acción culturais, divulgativas, de ocio, etc. Se o Consorcio considera que promocionan o territorio e son de interese colectivo para atraer turismo tamén se teñen en conta e colabórase con elas para o desenvolvemento do proxecto. As viaxes en globo, o 17º Festival Ribeira Sacra ou o Fest Clásico Ribeira Sacra son algúns exemplos.
-Con que nos debemos quedar do funcionamento orgánico da entidade?
-Os órganos de xestión e goberno son o Consello Reitor, o presidente e o vicepresidente. O Consello Reitor está conformado por un representante de cada concello, adoita ser o alcalde pero pode ser alguén da corporación en quen se delegue, un representante do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra e outro da Asociación Ribeira Sacra Rural.
-E que labor ten vostede como presidente?
-O Pleno é o que manda e a xerencia a que traballa. “O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra non é un ente presidencialista”, o meu cargo é máis institucional que funcional. Quen realmente leva o peso do Consorcio é a xerente, Alexandra Seara. Ela é quen leva todo o traballo de coordinar, impulsar e levar a cabo proxectos e accións concretas…
-Contento cos catro anos anteriores de mandato?
-Foron catro anos de “moito dinamismo” que coincidiron coa declaración de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra e con circunstancias mediáticas moi importantes como foron saír en Master Chef e Volando Voy, do Calleja, ou a repercusión das viaxes en globo. Todo iso contribuíu a que o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra estivese moi de actualidade.
-Sorprendido coa candidatura de José Manuel Rodríguez que competiu con vostede para liderar o Consorcio?
-Non, xa se valorara a posibilidade de que se presentara. Aínda así, eu pensei que había unha sola candidatura e ao final houbo dúas. Non pasa nada.
-Respecto da crítica por problemas de liquidez do Consorcio que fixo o seu competidor ‘a touro pasado’, que opina?
-Que igual hai falta de información. A xestión de pagos que leva a xerente é impecable, é máis, moitas veces considera máis importante pagar a acredores que cobrar os seus propios honorarios. Danse casos de cobros pendentes do Consorcio como os das deputacións e, claro, xéranse retrasos en pagos que son alleos á nosa xestión.
-E agora 4 anos máis. Que cómpre cambiar ou mellorar?
-Sempre hai cousas que mellorar. O xeodestino Ribeira Sacra está en crecemento e ten que haber máis iniciativas privadas. Como dinamizadores queremos tamén poñernos ao día, innovar e seguir xerando actividades novidosas. Tamén pensamos en crear dentro do Consorcio grupos de traballo ou ‘comisións intermedias’ para reunirnos todos/as máis a miúdo e tratar temas concretos.
-E con grandes retos por diante, un xa o sabemos todos/as.
-Si, traballar para acadar que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade no 2021.
-Como lle afecta o ‘Plan Ribeira Sacra’ da Xunta ao Consorcio de Turismo?
-Este plan non é só turístico, é máis ambicioso pois participarán diferentes consellerías, a Consellería de Medio Rural, a de Economía, Emprego e Industria e a de Cultura e Turismo. Nós limitámonos a colaborar nel, a ser un ente asesor e colaborador.