A tardanza de máis dun mes para que a empresa contratada pola Xunta acuda a erradicar os niños de velutina fai que moitos propietarios decidan eliminar os seus propios niños mediante a difusión de produtos insecticidas, a colocación de trampas artesanais, ou a queima destes niños.
As persoas que chaman ao 012 e despois de esperar semanas, non teñen solución ao seu problema, deciden actuar pola súa conta porque adoitan ser casos nos que o niño está próximo ás casas ou nas propias vivendas, ou ben próximos a zonas de horta ou de traballo agrícola, impedindo realizar a actividade cotiá no campo. Esta situación repítese nos concellos da zona sur como O Saviñao, Monforte ou Pantón.
Podemos O Saviñao demanda máis rapidez no servizo e que se amplíe a información ao público sobre a evolución desta praga, “a súa forma de combatela da maneira máis eficaz posible, e o seu correcto tratamento sanitario en caso de picadura.”
Consideran fundamental ampliar os medios públicos, como o servizo de bombeiros e o 112 e que conten co apoio de empresas especializadas (012). Consideran que a escaseza de medios na zona sur “segue sendo un problema”e din non entender que o 112 non actúe directamente, “cando hai un verdadeiro perigo próximo a persoas que teñen as súas vivendas ou empresas, e que todo dependa da actuación dunha empresa privada con listas de espera.”
Piden que se clarifiquen os protocolos de actuación do 112 e do 012 e propoñen utilizar redes sociais que os usuarios teñan unha canle de comunicación para enviar elementos fotográficos ou vídeos a estes servizos, “así clasificaríase mellor unha emerxencia”. Demandan tamén que se actualicen os datos dos últimos avances científicos cara aos usuarios e que se informe máis sobre as medidas a tomar en caso de picaduras. A este respecto cren que o SERGAS debería establecer recomendacións sanitarias, seguindo outros modelos europeos.