HomesociedadeRehabilitación en San Vicente de Pinol

Rehabilitación en San Vicente de Pinol

A Consellería de Cultura e Turismo está a executar os traballos de restauración das pinturas murais da nave principal da igrexa de San Vicente de Pinol, en Sober, cun orzamento de 109.000 euros.

Publicado o

- Advertisement -

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou o templo xunto co alcalde, Luís Fernández Guitián, e explicou que a actuación podería estar rematada no mes de maio, despois de ser adxudicada en setembro.

Os traballos realízanse nos muros norte e sur da nave e no arco triunfal que os une, e servirán para recuperar un conxunto pictórico de gran valor histórico e artístico que permanecía na súa maior parte oculto cuberto pola cal. Nas áreas nas que se fixeron catas e noutras desencaladas aprécianse elementos iconográficos que tamén precisan dunha restauración. O estilo das iconografías sitúase como obra de principios do século XVI, á maneira hispano-flamenca.

Entre os danos principais que é necesario reparar figuran o encalado de toda a superficie e os desencalados parciais que produciron perda de policromía; isto sucede sobre todo nas catro escenas localizadas baixo o coro. Aprécianse grandes ocos entre o morteiro e o muro en todo o paramento, así como colonizacións biolóxicas e manchas de escorrentías.

A Consellería de Cultura investiu o pasado ano 154.000 euros na primeira fase de obras nesta igrexa, consistente en reparar danos na cuberta, os paramentos e outros elementos estruturais, actuación imprescindible para poder acometer agora a recuperación das pinturas. Corrixiuse a entrada de humidades, mellorouse a instalación eléctrica, e restauráronse a portada, o rosetón, a escaleira de acceso á espadana, e as carpinterías e ferraxería.

A igrexa parroquial de San Vicente de Pinol está protexida polo seu valor cultural ao estar incluída no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia. É de estilo románico de comezos do século XIII, estruturada mediante unha planta de cruz latina e ábsida rectangular cuberta por unha bóveda de canón, e cunha cuberta de madeira a dúas augas sobre a nave. Hai dous engadidos posteriores á estrutura inicial da igrexa: a sancristía situada no lateral norte da ábsida e outro habitáculo no sur da ábsida.

ÚLTIMAS

Roteiro “entre petróglifos e castros” en Pantón

A asociación cultural Segredos de Pantón convida a unha nova actividade o vindeiro domingo...

O Museo do Ferrocarril de Galicia amplía espazo expositivo

A nova sala, que se vén de abrir, recolle elementos relacionados coa historia e...

57.000 persoas viaxaron este ano pola Ribeira Sacra nos catamaráns da Deputación

A deputada de Turismo, Pilar García Porto, destaca, “Temos unha cifra sólida de usuarios...

Presentación literaria e concerto sobre ‘memoria musical’ e ‘tradición’

Colectivo Vermut vén de anunciar a organización dun evento cultural centrado na memoria musical...