En Marea considera que unha das prioridades é apoiar aos Concellos na extensión do saneamento de augas residuais, polo que introduciu emendas para o saneamento en Pantón e Monforte, así como para a mellora da depuración en Chantada.
En sanidade, En Marea considera esencial que a nova ambulancia de Soporte Vital Avanzado de Monforte conte con un TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias) máis en cada quenda. Asemade, piden máis fondos para Atención Primaria e un millón de euros máis para o Hospital Comarcal.
No que ten que ver con Servizos Sociais, consideran esencial aumentar os fondos que a Xunta chega ao Servizo de Axuda no Fogar, e rematar coa precariedade laboral no sector, que consideran evidente en concellos como Monforte e Chantada, así como proxectar unha minirresidencia e Centro de Día no Saviñao. Tamén consideran esencial que Monforte conte con escola infantil da Xunta e que as Galiñas Azuis de Quiroga e Chantada aumenten as súas prazas.
En canto a infraestruturas, proponse aumentar a partida para o desdobramento do corredor Monforte-Lugo, o mesmo que un incremento para os accesos ao Porto Seco de Monforte e para a estrada que vertebra o Courel, entre Folgoso e Seoane.
Asemade, para o conxunto das comarcas rurais, En Marea presentou un Plan de universalización da banda larga, unha campaña específica de apoio á promoción da viticultura e o viño galego no exterior, liñas de financiamento para as explotacións lácteas ou un fondo para axudas por danos provocados por sarabias e xiadas, así como melloras no transporte no rural.
Por outra banda, a iniciativa de En Marea para dotar dun millón de euros anuais o Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra-Courel-O Iribio, así como facer unha campaña de participación no territorio, foi rexeitada polo PP no Parlamento galego, polo que introducen como emenda aos Orzamentos da Xunta 2020 esta cuestión.