HomesociedadeDiego Villar, de Comercial Mida: “No rural pódense facer moitas cousas grazas...

Diego Villar, de Comercial Mida: “No rural pódense facer moitas cousas grazas a internet”

"Nun ano ou dous moita xente tira a toalla porque ve que é moito sacrificio e pouca remuneración, pero é o contrario. Hai que ter constancia e insistir. As cousas tardan o seu tempo, pero acaban saíndo", comenta o xerente e responsable de marketing da agrotenda Comercial Mida do municipio de Taboada.

Publicado o

- Advertisement -

Comercial Mida de Taboada é unha agrotenda que en xaneiro do 2018 se abría á venda online e ao márketing electrónico. Dunha empresa esforzándose por sobrevivir no rural, pasaron a ter unha media de 25 mil pedidos e roldan o medio millón de facturación. Falamos con Diego Villar, xerente e responsable de márketing deste proxecto empresarial.

Como comezou todo este proxecto?

Por casualidade coñecín Comercial Mida, a través de amigos comúns, e falando do traballo de cada un comentei que estaba metido en marketing, páxinas webs e comercio electrónico. A eles interesáballes ter a alguén con este perfil para axudar na tenda de Taboada. O obxectivo era vender por internet para mellorar o rendemento da empresa. Propúxenlle facer un plan de traballo, un plan de marketing coa diferentes posibilidades que había para o negocio e pareceulles interesante. Agora estamos lanzando CM Stores & Innovate Business, un grupo de empresas con Comercial Mida á cabeza.

Diego Villar

Que tipo de producto ofrece Comercial Mida?

Produtos agroalimentarios, todo tipo de produtos para mascotas, para o campo, horta e xardín, gandaría, agricultura,… Agora mesmo a maior demanda témola no grupo de mascotas e xardín ou hortos urbanos. Nas cidades lévase bastante este tipo de horta urbana e aproveitamos ese tirón que hai na rede para comercializar este tipo de produto. Tamén traballamos a agricultura e gandaría convencional.

Cal é o cliente?

O usuario final maioritario agora mesmo é persoa da cidade que no tema da agricultura e horto urbano non ten fácil acceso a determinados produtos porque non é habitual en tendas de rúa da cidade atopar determinados abonos ou sementes ou produtos que nós distribuímos e levamos directamente á casa. Cada vez máis cómpranos xente de explotacións preto da cidade, con máis terreo, e estamos a traballar na gandaría con produtos para a cría de cordeiro, tenreiros,…

Ese cliente de cidade de onde é, español, galego?

Traballamos a nivel internacional. O 80% é a nivel nacional, pero o 20% restante distribúese a todo o mundo con todos os servizos. Dentro do grupo CM Stores temos 4 proxectos paralelos enfocados a este sector. En 2020 lanzaremos o proxecto de pisada animal que vai ser un sección especializada en mascotas e a finais do 2020 lanzaremos o resto de proxectos destinados a agricultura, gandaría e produtos do fogar,… insecticidas, raticidas, desinfectantes de uso doméstico.

Cantos traballades hoxe en Comercial Mida?

Dous no equipo de márketing, unha persoa que se encarga de empaquetar e facer envíos, a encargada de tenda e xestión de pedidos e eu para xestión de empresa, procura de provedores…

Equipo de marketing / Comercial Mida

Como chegades ao cliente?

Todo é online, a través de redes sociais. Temos as canles de Comercial Mida, de Pisada Animal, canle de CM Stores, temos as contas de Instagram, Twitter e Facebook e a través de posicionamento orgánico, o que é o SEO. Prepáranse os anuncios para que cando a xente busque en Facebook aparezamos nos primeiros resultados. Facemos campañas en medios dixitais con cupóns de desconto e desenvolvemos iniciativas para atraeer ao cliente ás nosas propias plataformas. Agora mesmo estamos a traballar en Amazon, Ebay, Mano a mano, Carrefour,… Temos a páxina de Comercial Mida e a que lanzaremos de Pisada Animal. É o conglomerado todo de plataformas no que estamos presentes.

Diego estuda marketing e electrónica. Contabas facer o que estades facendo e axudar a levar a tecnoloxía e o marketing online ao mundo rural?

Non. Pensas en grandes empresas nacionais e internacionais. Deuse a oportunidade de facer crecer un negocio, de experimentar desde cero e oxalá sexamos nós no futuro a gran empresa coa que todo o mundo espera traballar, pero neste caso nós fixémola crecer desde cero.

Tenda Comercial Mida

Que valoración tes agora do voso proxecto para o rural?

É un punto de inflexión no rural. Habería que tentar conservar os traballos do rural, aínda que non é fácil porque fai falta un esforzo económico. É importante dar a coñecer a través de medios dixitais, que no campo hai un traballo que existe que se pode facer e con axuda de entidades públicas pódese sacar adiante calquera traballo ou proxecto. É cuestión de esforzo e perseveranza. Nun ano ou dous moita xente tira a toalla porque ve que é moito sacrificio e pouca remuneración, pero é ao contrario. Hai que ter constancia e insistir. As cousas tardan o seu tempo, pero acaban saíndo. Hoxe no mundo rural pódense facer moitas cousas, grazas á tecnoloxía que nos permite expandirnos desde internet, tanto no coñecemento como no traballo, o rural pode saír adiante e reflotar. Nós con este proxecto queremos demostrar iso, que a España baleirada existe, pero sempre se lle pode dar un volta e aquí temos un exemplo. Queremos que a xente se anime a desenvolver desde o rural, a promover e a sacar iniciativas que benefician a todos.

En xaneiro cumprides dous anos. Como se presenta o 2020?

Este ano roldamos o medio millón de facturación, a idea é duplicala para 2020. Temos a tenda en Tabaoda e vendemos online, pero queremos manter a presenza do local físico para demostrar que a xente na aldea ten o seu punto de compra e pode mercar e ver as cousas. Queremos manter a pesencia nos sitios de toda a vida, sumando unha forte presenza na rede.

Comercial Mida

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...