Lembran os traballadores que no momento que se viron desprotexidos, “sen luvas, sen mascarillas, sen pantallas e sen traxes de protección; é dicir, sen EPIS”, comezaron a pedir axuda a empresas e particulares que puidesen facer a vida un pouquiño máis doada. E así foi. “De pronto decatámonos de que varios negocios e a boa xente da zona e do resto de Galicia estaban máis que dispostos a aportar o seu gran de area. E con todos eses grans puidemos facer un castelo.”, sinalan.
O primeiro en chegar foron as pantallas, aportadas polo IES A Pinguela e despois chegaron as luvas, “de todas as tallas das que non dispoñiamos, e puidemos atender aos nosos pacientes como se merecen.”
Posteriormente sinalan que contactaron con empresas para máscaras de protección FPP2. A empresa, Safetop, con sede en Oleiros, enviou a súa doazón ao centro de saúde de Ribas de Sil e dende alí varias enfermeiras e enfermeiros eventuais encargáronse de facerlles chegar as máscaras aos demais centros. “Non hai palabras para describir o que se sinte ao ver eses ollos vidrosos ao recibir un medio que nos pode salvar do contaxio, un medio que se levaba solicitando semanas sen éxito. Viñan nas mesmas caixas mascarillas, sorrisos e bágoas de felicidade.”
A historia non remata aí
Sinalan que despois chegaron monos e calzas que o Centro de saúde de Pobra de Brollón compartiu co centro de Monforte. Tamén xel hixienizante de mans, da man do Consello Regulador da Ribeira Sacra. Cando faltaron máis pantallas, o IES A Pinguela fixo máis e un grupo de rapaces de Sarria, “CoronavirusMakers, coa aportación do PVC de Gráficas Nogueira e da goma da mercería Sarillo, fixeron máis máscaras para que ninguén quedase sen elas. Imprenta-papelería Besbello de Chantada encargouse de surtir a moitos outros centros da zona coa colaboración da mercería Soly.”
Máis tarde Lincold Ibérica aporta varias garrafas de lixivia, coa que o persoal de limpeza pode seguir facendo a súa imprescindible labor diaria de descontaminación. Aseguran que a historia non remata aquí, “Máis empresas están a colaborar, están en camiño máis mascarillas que veñen de Tui, da farmacia Álvarez, así como outras moitas mans voluntarias que están a fabricar cada día mascarillas para a poboación e os traballadores tratando de buscar os materiais máis seguros dentro das posibilidades. Cada persoa compartindo o que ten ou o que consigue cos demais, facendo tanxible o máis fermoso: o compañeirismo.”
Os anxos da garda existen e son a xente de a pé
“O ambiente era nun principio incerto. Comezábase a traballar doutro xeito, instaurándose unha triaxe para que ninguén coa posibilidade de portar o Covid quedase sen a súa mascarilla, protexéndonos así ao persoal e ao resto de pacientes que acudían ao centro por outras causas. Así, o novo equipo encargado das doenzas respiratorias podería atender a estes pacientes correctamente.
Sigue sendo necesario o abastecemento, continúase precisando material en todos os centros de saúde, hospitais, centros de maiores e en todos os servizos públicos, e estes grans de area dannos forzas para seguir adiante. A poboación está volcada en nós, vén xente ofrecendo incluso máis axuda da que poden aportar. É momento de arrimar o ombro, desta volta remamos todos na mesma dirección.”
Os traballadores destes centros agradecen toda a colaboración recibida, “a aqueles que quedan na casa para evitar máis contaxios; ás empresas, particulares e autónomos que aportan coas súas mans traballadoras eses materiais que tanto precisamos con todo o seu cariño, aínda supoñéndolles perdas sen esperar recibir nada a cambio; a eses nenos cos seus arcoiris nas fiestras que tanto ansían saír a correr á rúa, aos nosos maiores que tanto precisan dos nosos coidados e fan cada día un esforzo por quedar na casa. Moitísimas grazas a toda esa xente que sigue traballando e que velan porque non nos falte de nada, aos que miran pola nosa seguridade nas rúas e aos medios que nos dan visibilidade e nos manteñen informados. Cada aplauso desperta en nós unha nova emoción; cada badalada, un novo sentimento: a certeza de saber que formamos parte dun todo. Cada día nós tamén aplaudimos por eles. Todos somos heroes.”