Os xeodestinos da provincia traballan na reactivación do turismo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, vén de reunirse por videoconferencia cos representantes dos xeodestinos da Mariña Lucense, Ribeira Sacra e Ancares-Courel así como do xeoparque Montañas do Courel, na que se expuxo a situación de partida e se valoraron as medidas a adoptar.

Xeodestinos / Delegación Territorial

A Xunta de Galicia está ultimando un plan de reactivación autonómico para os sectores cultural e turístico, cun investimento de máis de 25 millóns de euros, co obxectivo de minimizar o impacto extraordinario que a parálise causada polo coronavirus supón na súa actividade. O sector representaba o 10,4% do PIB e o 11% do emprego da Comunidade galega antes do inicio da crise do coronavirus.

Nas últimas semanas presentáronse na provincia de Lugo 1.326 Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTES) procedentes de empresas do  sector turístico, e todos foron aceptados excepto un; afectaron a 4.830 traballadores, deles 4.745 con suspensión de contrato e o resto con redución de xornada. Os traballadores afectados por ERTES que están pendentes do Goberno para cobrar as súas prestacións poden solicitar xa un anticipo á Xunta, segundo sinalou o delegado.

Reactivación do turismo

De cara á reactivación do turismo, o delegado afirmou que será clave “traballar na promoción de Lugo como destino seguro”, e entre as primeiras medidas subliñou o desenvolvemento dun Plan de seguridade hixiénico sanitaria para intensificar a confianza de traballadores e usuarios, ou o Plan de teleformación a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), que está a ser moi ben acollido polo sector, pois conta xa cunha quincena de cursos e máis de 2.000 inscritos.

Na actual situación insístese na necesaria colaboración público-privada para traballar no día despois, con medidas no curto, medio e longo prazo. Balseiro lembrou que o Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico da Xunta deberá ir acompañado dun plan nacional, algo xa solicitado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here