IniciosociedadeFuturo de turismo sen aglomeracións e a provincia como alternativa rural

Futuro de turismo sen aglomeracións e a provincia como alternativa rural

Reactívase o turismo na Ribeira Sacra coa fase 3 e o 1 de xullo reinícianse as peregrinacións xacobeas.

Publicado o

- Advertisement -

A pandemia da Covid19 fixo unha chamada de atención ás aglomeracións de persoas, parece que a tendencia inmediata podería ser alonxarse das grandes multitudes e nese sentido a provincia ofrece alternativas inmellorables. A riqueza natural da que dispón a provincia de Lugo antóxase unha opción turística inmellorable, e nas próximas semanas verase como responden a esta chamada os viaxeiros. Desde A Mariña, á Ribeira Sacra, pasando pola Terra Chá, Ancares ou O Courel, a provincia conta con todo o necesario para gozar da natureza, o patrimonio e a mellor enogastronomía.

Ofrecer confianza, seguridade e tranquilidade son os retos nestes tempos de Covid19 e de seguro que aquí se conseguirá. A provincia quere turistas, viaxeiros, peregrinos,…que virán, e cada vez virán máis. Este momento é fundamental para definir e traballar por xestionar un turismo sostible que garanta que o que agora é unha oportunidade para este territorio e noutra época foi unha debilidade, manteña a súa esencia.

Praia das catedrais / XdL

Entre tanto o que agora preocupa ao sector e que xente veña, que visite, que durma, que coma, que merque,… e administracións e empresa privada traballan con certa harmonía por este obxectivo; primeiro con iniciativas para mobilizar á xente da provincia, nesta fase 3 á xente de Galicia e despois a onde se chegue.

Ribeira Sacra, “Despois de todo, mereces un respiro“.

Na Ribeira Sacra ao redor do 70 % das empresas turísticas están xa abertas; a maioría destes establecementos son aloxamentos, que en moito casos, contan con reservas ata o 22 de xuño. O 95% dos aloxamentos xa rexistra reservas para xullo e agosto. En menor medida, comezan a rexistrarse tamén reservas para setembro.

A medida que se avanzaba cara a fase 3 os aloxamentos viron incrementadas as consultas, sobre todo en relación ao prezo, seguidas das condicións de seguridade hixiénico-sanitarias dos establecementos e das cláusulas de cancelación. Nesta fase abriron máis restaurantes, oficinas de turismo, museos e outros servizos complementarios.

Os negocios que non abren aínda é por falta de viabilidade e/ou por prudencia, demorando a reapertura ata o final do plan de transición. As empresas que abren incorporan, na maioria dos casos, a todo o seu persoal e os que tiñan aberto na Fase 1 e 2, recoñecen que o volume da actividade foi segundo as súas expectativas e nalgúns casos, mellor do agardado.  Ás portas da fase 3 e para impulsar o turismo galego na Ribeira Sacra, o consorcio poñía en marcha a campaña Despois de todo, mereces un respiro“.

Ribeira Sacra / XdL

Abrindo as portas: o rexurdir do turismo

Por certo que o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián será un dos participantes este xoves, día 11, nos foros de turismo online que organiza a Deputación Provincial. Esta iniciativa leva por nome Abrindo as portas: o rexurdir do turismo e forma parte da campaña EN LUGO, SI do organismo provincial. A primeira sesión consistiu na ponencia A sostibilidade e a confianza como claves para reactivar o turismo.

Este día 10 representantes das asociacións galegas de axencias de viaxes, de empresas de turismo activo, de guías de turismo, de albergues privados e da Asociación Provincial de Empresas de Hostalería de Lugo protagonizaron o foro, no que deixaban constancia de estar preparados para facer fronte á nova normalidade. Consideran clave para a reactivación do sector a aposta pola profesionalización, as garantías sanitarias e a cooperación coas institucións para promocionar os destinos, ademais de mostrarse preocupados pola ameaza que supón o intrusismo.

Segundo foro / Deputación de Lugo

O presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, insistía en que “a capacidade de adaptación xoga un papel chave porque o escenario cambia de forma continuada. Toca enfocarse no que nos vén, toca clarificar o escenario de xogo e adaptarse de forma operativa.” A representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez, sinalou “Todos temos as mesmas inquedanzas e preocupacións, queremos que se nos vexa como alguén aberto á colaboración. O turismo é colaborar.”

Camiño de Santiago e a volta das peregrinacións

Este mércores, 10 de xuño, tamén se reuniu a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 que anunciaba que a reactivación do Camiño de Santiago levarase a cabo dun xeito coordinado e progresivo. A Xunta de Galicia, a Igrexa compostelá e o Concello de Santiago acordaron compaxinar a reapertura dos albergues da rede pública, da Catedral e do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a partir do vindeiro 1 de xullo, establecendo así unha data efectiva do reinicio da peregrinación xacobea.

Rúa Maior Sarria / elcaminoconcorreos.com

O representante da Xunta sinalou que o manual preventivo para o Camiño, que servirá como protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos, está practicamente rematado, a falta da súa validación definitiva por parte das autoridades sanitarias. Nel recóllense medidas e recomendacións nos diferentes servizos e infraestruturas que o peregrino atopa ao longo do Camiño.

Galicia destino seguro

Desde a Xunta lémbrase a convocatoria de axudas directas, por valor de 6M€, para que o sector turístico e da restauración poida adaptar os seus negocios, unha liña que tamén está aberta para os establecementos do Camiño. Estes teñen a súa disposición o servizo de asesoramento a través do teléfono 900 815 334 e o correo electrónico a info-galiciadestinoseguro@xunta.gal, para resolver dúbidas de seguridade sanitaria.

Así mesmo, a web www.turismo.gal/galiciadestinoseguro ofrece información actualizada relacionada coa covid-19, incluída unha serie de manuais e carteis que recompilan os requisitos esixidos a diferentes tipos de establecementos e axentes do sector no actual contexto sanitario.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...