Este ano, dada a situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, os campamentos realízanse baixo un protocolo de actuación para que se desenvolvan de xeito seguro tanto para os nenos participantes como para os monitores. Un protocolo que se inicia en canto os nenos e monitores chegan o seu punto de encontro, coa medida de temperaturas e a desinfección de mans.
Isto levou consigo cambios nas actividades a ofrecer con respecto a anos anteriores. Para evitar en todo o posible o contacto, os participantes están repartidos entre a Ludoteca e o Centro Social da Ribeira, onde este luns recibiron a visita do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e da concelleira de educación e infancia, Loli Sánchez.
As actividades ao aire libre son prioritarias e o número de participantes non excede de dez por cada grupo. Aínda que se realizarán actividades semellantes nos dous grupos como a visita a unha adega programada para mañá e o mércores da vindeira semana, en ningún momento estarán xuntos. Na piscina, lugar ao que tamén se levarán os nenos, seguirase un protocolo para que os nenos sigan mantendo as distancias entre eles.