IniciosociedadeRadio Monforte, un novo proxecto de comunicación para a Ribeira Sacra

Radio Monforte, un novo proxecto de comunicación para a Ribeira Sacra

Nace unha alternativa radiofónica en Monforte que cubrirá información local e comarcal pero que tamén ofrecerá unha escollida selección musical a xeito de radio fórmula ao longo do día.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O artífice deste novo proxecto comunicativo non é outro que o locutor e técnico de son Rafa Aguiar. Un clásico das ondas monfortinas que vén de rematar un ciclo longo en Radio Principal Cadena Ser Monforte para encetar agora un proxecto moi persoal co que sempre soñou.

Nace así Radio Monforte, unha radio que emitirá por internet e que contará cun estudio na rúa Inés de Castro número 10, preto do Mercado de Abastos monfortino. A falta de completar todo o tema técnico e deseñar a programación informativa local e comarcal xa se pode escoitar música, unha selección variada e de todos os tempos que acompañará a todos e todas as oíntes da Ribeira Sacra pero tamén de todo o mundo.

A idea que ten Rafa Aguiar, apaixoado da comunicación e da música, é conformar unha programación informativa local e comarcal e completar o resto de horas do día con música, “música de todos os tempos e para todos os públicos, que falta fai agora máis ca nunca para animarnos”, comenta Aguiar. Falamos con el.

Rafa Aguiar rematando de montar os últimos detalles do estudio / XdL

Cando cres que poderá empezar a programación?

As previsións son para o comezo do mes de setembro, de todas formas estamos pendentes de completar o equipamento tecnolóxico do control de son xa que tamén para iso dependemos da situación sanitaria na que nos atopamos.

Como será a programación de Radio Monforte? Contidos propios e complemento a xeito de radio fórmula musical?

Ao contar con tantas horas de emisión por non depender de ningunha cadea podemos utilizar todos os formatos que ten cabida nunha programación diaria, ter espazos para entrevistas, enquisas, reportaxes, colaboradores… pero con realizacións moi dinámicas que se acoplen ao gran protagonismo da música que será da maior variedade.

“Hoxe un oínte tróuxome unha bolsa de tomates porque me escoita mentres traballa na horta”

Estás recibindo moito apoio moral dos veciños e veciñas de Monforte para este proxecto?

Moitísimo, grazas a ser unha proposta de emisión 100% local e comarcal, de dar cabida a todo o que pode interesar nas rúas de Monforte e no resto dos concellos da Ribeira Sacra. Pero tamén é moi de agradecer o apoio económico dos comerciantes e empresarios que cren neste modelo para dar a coñecer os seus produtos e servizos. Vouche contar a última, hoxe un oínte tróuxome unha bolsa de tomates porque me escoita mentres traballa na horta.

“Queremos contar cun estudio polo que pasen todos aqueles que teñan algo que contar aos oíntes”

Radio en internet pero con local físico. Cóntanos.

Unha cousa non quita a outra, porque ademais de ser escoitada queremos que Radio Monforte sexa vista, ben a través da propia rúa porque por primeira vez unha emisora en Monforte vai estar nun baixo ben a través dunha cámara web. E por suposto queremos contar cun estudio polo que pasen todos aqueles que teñan algo que contar aos oíntes.

Radio Monforte. Foto: Rafa Aguiar

ÚLTIMAS

O alcalde de Monforte recibe ó novo inspector xefe da Policía Nacional

O encontro foi unha primeira toma de contacto e serviu para facer un repaso...

Raquel Arias destaca as inversións da Xunta no patrimonio histórico da Ribeira Sacra

A deputada popular, Raquel Arias, indica que, nos últimos anos, a Xunta destinou 5,2...

O comercio de Sarria entrega os vales de San Valentín

Os establecementos asociados sortearon, para esta campaña, catro ceas para dúas persoas polas compras...

O Colado do Vento, de Sober, organiza un obradoiro para concienciar sobre a nosa etnografía

O proxecto de 'Galicia latente' ten como base un estudo-libro homónimo de recollida e...