“Levámolo bastante ben”, Iván Tourón, director da EEI de Sarria

A difícil volta á rutina escolar faise aínda máis complicada nas garderías, onde a proximidade co alumnado é fundamental. Falamos deste tema co responsable da Escola de Educación Infantil de Sarria.

Claustro primeiro día de cole

O 10 de setembro empezaron o curso escolar na Escola de Educación Infantil de Sarria, fixérono con 106 alumnos/as, algúns máis que no curso anterior. “Levámolo bastante ben”, dinos o seu director, Iván Tourón, ao que lle preguntamos por protocolos e como se está desenvolvendo a educación coas medidas sanitarias actuais, unha situación insólita para todos/as.

No que respecta ao protocolo Tourón cóntanos que se estableceron ‘grupos de convivencia estable’, un total de 6 grupos, dous con nenos/as de 3 anos, dous con nenos/as de 4 e outros dous cos pequenos/as de 5 anos. O obxectivo é que non haxa confluencia entre grupos, que non se mesturen e que non coincidan en ningún espazo.  E dentro de cada un destes grupos fixéronse ‘subgrupos de máximo 5 nenos/as’ que terán interacción entre eles e que non admiten rotación.

En cada un destes subgrupos realízanse as diferentes actividades con desinfección de mans, desinfección de material común antes e despois de usalo e dispoñendo material funxible para uso individual de cada nena/o.

Nas actividades de conciliación e comedor os pequenos/as coinciden, pero manteñen unha distancia de 1,5-2 metros respectando os subgrupos xa comentados, e nas entradas e saídas do centro hai un lugar para a espera das familias e con separación entre eles dispostos en filas. Monitores e monitoras encárganse de entregar os/as nenos/as aos familiares non podendo estes entrar no centro.

EEI Sarria

Comprobamos que as medidas anti-covid son estritas e rigorosas cando Iván lembra que pequenos e pequenas levan máscara, fan 5 lavados de mans, hai máis horas de limpeza no centro e incluso se encomendou a unha persoa polas mañás o traballo de reforzar a limpeza das zonas de paso -pasillos, pasamáns, mobiliario, etc- e dos aseos. Non sendo estritamente obrigatorio o uso da máscara para estas idades, Iván di que “optamos por que viñeran con ela e os nenos estano levando ben, traen unha posta e outra de reposto nun estoxo”. E abonda, “se ocasiona algún desgusto ou problemas físicos a algún cativo ou cativa quitaríaselle, claro”.

“As familias están colaborando moito”

En todo este proceso de adaptación, o director do centro dinos que se fixeron reunións coas familias e explicouse todo con moito detalle, recoñecendo tamén que “as familias están colaborando moito”.

Para rematar, sacamos o tema de como se leva ‘educar nestas condicións’ sabendo destas medidas estritas de protección tanto de mestres como de alumnos/as. “É unha etapa na que o contacto físico é moi importante”, recoñece, “pero o que temos que facer é protexernos”, engade. Nos momentos de maior proximidade extreman a protección, con desinfección, máscara e incluso con pantalla. Entende que resulta máis complicado traballar coa cara tapada pero quere pensar en positivo, “temos que intentar saír para adiante desta e cos recursos cos que contamos intentaremos que sexa o menos traumático posible”.

“É unha etapa na que o contacto físico é moi importante”, recoñece, “pero o que temos que facer é protexernos”

No que levan de curso non tiveron ningunha incidencia aínda que os primeiros días todos e todas estaban “expectantes e un pouco encorsetados” diante da nova situación, di o director.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here