As propostas de Por Chantada visan unha PAC ao servizo das persoas e do territorio, “xa que ata o de agora a PAC foi un fracaso no mantemento da agricultora familiar e no reequilibrio territorial, sen tampouco estabelecer rendas dignas para produtoras e produtores. Pola contra, favoreceu os lobbies en detrimento das comunidades e dos consumidores. Cada tres minutos desaparece unha granxa en Europa,” segundo aseguran desde Por Chantada.
Segundo esta formación política agora é o momento de actuar e de esixir aos grupos políticos e ás institucións unha PAC ao servizo da Galiza e dos produtores. “Aínda está todo en aberto e moitas decisións van depender do Ministerio e da Consellaría. Todo o rural xogámonos moito coa definición das liñas e requerimentos da nova PAC.”
Por unha PAC xusta para a Galiza e para o ben común, as demandas de Por Chantada son as seguintes:
- Dotación orzamentar suficiente e axuda básica á renda para a súa simplificación e contribuír verdadeiramente ao reequilibrio territorial e á fixación de poboación. Topes por persoa perceptora e por granxa, que en ningún caso puidesen superar os 60.000 euros anuais.
- Servizos de asesoramento público que primen a orientación cara aos sistemas agroecolóxicos, diversificados e extensivos.
- O desenvolvemento tecnolóxico ten que reforzar o control dos titulares sobre as súas exploracións e non aumentar a súa dependencia de terceiros. Necesaria cobertura 5G para o rural galego.
- Reformular as restrincións de SAU por solicitante que sistematicamente deixaron fóra das axudas o sector da horta, da apicultura, da fruticultura, da castaña ou do viñedo na Galiza.
- Prohibir o financiamento de agrocombustibles.
- Os Fondos de Desenvolvemento Rural deben priorizar ás mulleres e á mocidade, a transición cara a sistemas agroecolóxicos, políticas de instalación de persoas produtoras de alimentos e mercados locais e compras públicas.
- As administracións públicas deben reforzar a PAC con partidas propias e os fundos Next Generation EU garantindo niveis de servizos dignos no medio rural, cando menos nos básicos como a sanidade, a educación e a dependencia.
- Desenvolver ferramentas para a regulación dos mercados e o control das producións e dos prezos en orixe. Permitir a negociación colectiva dos prezos.
- Asegurar que todas as persoas que se dedican á actividade agraria teñan acceso ás axudas en igualdade de condicións.