O Centro de Día, situado nun edificio polivalente no barrio da Ribeira, foi unha longa aspiración do equipo de goberno local. En palabras do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, foi un longo proceso coa meta de ofrecerlle aos maiores da comarca a posibilidade de permanecer máis tempo no seu domicilio cando se dificulta o valerse por un mesmo.
Trátase dun centro moderno no que non só se atende as persoas maiores, se non que se lle prestan servizos de enfermería, atención social, terapia ocupacional, atención psicosocial; e servizo de fisioterapia para a prevención da inmobilidade.
Atendido por un cadro de persoal axeitado e especializado para a realización de actividades e programas, conta cun equipo interdisciplinar que elabora un plan de atención individualizada para cada persoa usuaria, co fin de que cada un deles poida realización o maior número posible de actividades.
O Centro de Día conta tamén con servizos externos e complementarios a demanda dos usuarios, como o servizo de transporte de recollida a domicilio, o servizo de manutención e dietas, ou os servizos de podoloxía, aseo especial ou perruquería.
O número actual de usuarios deste centro está en 6 pero os Servizos Sociais Municipais manteñen permanentemente aberto o prazo para novas incorporacións, esperando poder completar as 25 prazas coas que conta.
Estas instalacións, que acollen na súa planta baixa un Centro Social e que nun futuro albergarán da segunda planta a Unidade de Atención Temperá que creou recentemente o concello, serven tamén de apoio para a prestación doutros servizos sociais e asistenciais para as persoas da terceira idade. Uns destes servizos son os talleres de memoria e de estimulación cognitiva, psicomotriz e da memoria que desenvolve o Concello de Quiroga en colaboración con Afamón (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Monforte)
Durante o acto de inauguración non se puido visitar o Centro de Día posto que o protocolo anti-covid impide as visitas para preservar a saúde dos usuarios.