IniciosociedadeO quirogués Samuel Soto ponlle voz a un vídeoclip que triunfa en...

O quirogués Samuel Soto ponlle voz a un vídeoclip que triunfa en Asia

O músico guardés Xosé García, afincado en Taiwán, púxose en contacto con el para participar no proxecto musical “Sonus de Gaia”. Nel participan músicos amantes da música tradicional de diferentes nacionalidades e Samuel colabora cantando e tocando cunchas e pandeireta.

Publicado o

- Advertisement -

Contactamos con Samuel Soto despois do éxito mediático que está a ter no continente asiático un videoclip no que a música tradicional é protagonista e el aparece cantando no coñecido Monte de Santa Tegra.

O ‘armadanzas’ foi o músico Xosé García, un guardés afincado en Taiwán que lle propuxo a este quirogués participar do proxecto musical que se coce alí coñecido como “Sonus de Gaia”. Soto participou poñéndolle letra e melodía a unha parte do exitoso videoclip e tamén gravando escenas nas que canta e toca cunchas e pandeireta.

Samuel é orixinario de Quiroga, pero vive en Vigo, cidade á que marchou por motivos familiares con 14 anos. É un apaixonado da música tradicional e gústalle moito compoñer. O amor vénlle xa desde pequeno cando, segundo nos conta, tiña que plasmar en canción as experiencias que o emocionaban. 

Quirogués de nacemento, supoño? De onde es concretamente?

Pois de Quiroga, en concreto os meus avós eran dos Novais e de Pacios de Mondelo. De aí veñen as miñas raíces e son un namorado da nosa Comarca.

Como naceu en ti a vocación pola música en xeral e pola música tradicional en particular?

Cando de neno me emocionaba por ir de excursión, plantar unha árbore, comer un xeado e esas cousas que de cativo son a felicidade previamente escribía unha canción. Toda esa emoción tiña que plasmala nalgún lugar, e sen saber moi ben porqué, compoñía. Toquei gaita e pandeireta dende neno tamén coñecendo dende ben novo as músicas tradicionais de Galiza. Comecei de cativo en Carballo, na Asociación Cultural Alfredo Brañas e continuei xa de maior coa miña formación tradicional na ETRAD de Vigo.

Que instrumentos tocas e de cales impartes clase?

De corda -guitarra, bouzouki, mandolina, ukelele-, percusións e voz. Imparto clases de corda na escola de gaitas do IFEVI, na escola de música de Chapela, na AA.VV. A Miñoca Vigo e clases de canto e pandeireta en Ardelume Baíña (Baiona), Escola de Gaitas IFEVI, Centro Galego do Rocío, etc.

Ademais da docencia musical, formas parte de varios proxectos musicais. Cóntanos.

Pois si, acompaño ao gaiteiro Isidro Vidal, á Compañía Queiman e Pousa, ao gaiteiro Abraham Fernández e como bouzoukista en Ardentía, Manuele de Felisa, Coribantes de Buchabade, etc.

Como se leva actuar coas medidas sanitarias impostas pola Covid19?

Pois con toda a precaución do mundo e cumprindo a norma a rajatabla, sendo sincero, fun moi feliz nos concertos nos que puiden tocar na pandemia. Sentinme moi afortunado de poder volver a sentir a sensación de estar no escenario de novo despois de meses confinado e sen tocar en público.

“En setembro deste ano gravamos no Monte de Santa Tegra parte dun videoclip que se estreou en outubro sendo un éxito nas redes sociais”.

Vemos que estás promovendo en redes sociais unha colaboración túa en “Sonus de Gaia”. Que é “Sonus de Gaia”?

Estou ‘in love’ con este proxecto (risas). Sonus de Gaia é un proxecto musical afincado en Taiwán, composto por músicos que se coñeceron na prestixiosa escola americana “Berkley”. Todos eles e eles con inquedanzas pola música tradicional de todo o mundo.

Está liderado por Xosé García, músico guardés afincado en Taiwán, quen se puxo en contacto comigo para facer unha colaboración coa voz, cunchas e pandeireta. Accedín de inmediato envioume unha canción, busquei unha letra tradicional, fíxenlle a melodía da primeira parte e gravamos en tres horas o single “Gaia Formosa”. En setembro deste ano gravamos no Monte de Santa Tegra parte dun videoclip que se estreou en outubro sendo un éxito nas redes sociais e cunha resposta de difusión enorme por parte dos medios de comunicación.

“A nosa música é extrapolable a un ámbito mundial, as nosas melodías gustan e as rítmicas chaman bastante a atención, sobre todo as de pandeireta e pandeiro”.

Seica está a ter moita repercusión en Asia, principalmente en China. Que cres que ten a nosa música e canto tradicional para que guste por esas terras?

Pois parece ser que si. Soou moito este pasado mes en moitísimos medios asiáticos e é moi curioso, pero si que está a gustar moito e Asia.

Podemos dicir que a nosa música é extrapolable a un ámbito mundial, as nosas melodías gustan e as rítmicas chaman bastante a atención, sobre todo as de pandeireta e pandeiro. ‘Sonus de Gaia’ dará moito que falar pois é das primeiras veces en que se fusiona música tradicional galega, música tradicional taiwanesa e música tradicional dominicana. Ten o don da singularidade. Para min foi un pracer cantar rodeado de tan bos músicos.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...