Iniciosociedade“Sem Fronteiras”, a nova aventura televisiva de Javier Varela en Portugal

“Sem Fronteiras”, a nova aventura televisiva de Javier Varela en Portugal

O vindeiro domingo 17 de xaneiro será a estrea na RTP1 deste programa de coprodución galaico-portuguesa que buscará semellanzas e contrastes entre distintos lugares do norte de Portugal e de Galicia. Falamos co actor chantadino, copresentador e anfitrión no lado portugués.

Publicado o

- Advertisement -

“A Galiza e o Norte de Portugal têm varias coisas em comum, entre elas os inúmeros lugares que partilham o mesmo nome”. Así presenta a canle televisiva RTP1 o novo e orixinal programa “Sem Fronteiras” convidando tamén á súa estrea este domingo 17 de xaneiro ás 12:30 -horario de Portugal-.

O formato, que no transcurso deste 2021 poderá verse tamén na TVG, está coproducido polas portuguesas RTP e SPI, e polas galegas M Internacional Audiovisual e TVG, mentres que a presentación correrá a cargo da ‘influencer’ portuguesa Beatriz Gosta e do actor chantadino Javier Varela.

Estes anfitrións terán que percorrer varias localidades dun lado e doutro da raia tendo como punto de partida a semellanza do nome destas pero cunha particularidade moi importante. Beatriz Gosta amosaralle aos seus compatriotas as tradicións, cultura, gastronomía, celebracións, espazos naturais, xentes… das vilas galegas que visite, e Javier Varela atravesará a fronteira portuguesa para facer o propio cos seus paisanos en relación ás poboacións portuguesas escollidas. E todo aderezado con grandes doses de espontaneidade e diversión.

No transcurso do 2021 poderá verse tamén na TVG

Falamos con Javier Varela deste interesante proxecto televisivo.

Javier Varela nun descanso da gravación de ‘Sem Fronteiras’. Foto: J.V.

Cando se gravou o programa e cantos capítulos ten esta primeira tempada?

O ano pasado, nos meses de xullo e agosto. Fixéronse 12 programas de 25 minutos cada un.

Como chega a ti este proxecto tan interesante?

Pois mira, ía empezar a gravar en Galicia unha nova tempada de Imos de feira para a Galega e chamáronme da produtora M Internacional para ofrecerme participar en “Sem Fronteiras”. Encantoume o proxecto, faleino coa miña representante e coa produtora sabendo que tiña que compaxinalo con “Imos de Feira” e entre todos fixemos posible que puidese sacar os dous traballos adiante. Foron meses de moito ritmo, tiven días de “doblete” tendo que gravar en Galicia e en Portugal, pero pagou a pena o tremendo esforzo. Dou as grazas a todas as partes implicadas que me deron moitas facilidades para compaxinar os dous traballos.

Que vilas galegas van saír?

Da vosa zona saen A Pobra do Brollón e Castro Caldelas. E do resto de Galicia sairán Ribadavia, Baiona, Vilanova de Arousa, Ribeira, Vimianzo, Vilalba, Salvaterra do Miño, Cambre, A Pontenova e o Xurés.

“Da vosa zona saen A Pobra do Brollón e Castro Caldelas”

Que valor diferencial, respecto de formatos do estilo que coñecemos, atoparemos en “Sem Fronteiras”?

Conseguir, por exemplo, que Javier Varela sexa un compañeiro de viaxe dos espectadores máis que un presentador.

Como se resolve o tema dos dous idiomas en xogo?

Foi moi doado, eu falo en galego e Beatriz Gosta en portugués. Os dous entendémonos e interaccionamos perfectamente entre nós e coa xente coa que falamos en cada unha das nosas visitas.

E que nos contas das dificultades de traballar en tempos de pandemia?

É moi duro. Aparte de ter presentes todas as medidas, PCR, lavado constante de mans, xel hidroalcólico, máscara fóra das escenas de gravación… faise difícil estar só no hotel, non poder quedar como quixeramos para tomar algo… Pero non me queixo, o máis duro da pandemia é querer traballar e non poder facelo, nese senso considérome un tipo moi afortunado por ter traballo en momentos tan duros.

Javier Varela. Foto: J.V.

“O norte de Portugal abriume as portas das súas casas, houbo sitios nos que me regalaban cousas e incluso me convidaban a comer”

Que tal a experiencia de tratar cos nosos veciños portugueses?

Coñecía Portugal moi pouco, de velo con présa por algúns traballos que teño feito alí, e esta experiencia fixo que me sorprenderan moito os lugares que coñecín e a hospitalidade da xente. O norte de Portugal abriume as portas das súas casas, houbo sitios nos que me regalaban cousas e incluso me convidaban a comer. Tratáronme con moita educación e moito agarimo.

E con Beatriz Gosta?

Moi ben tamén, durante o programa levamos un ‘pique sano’ entre nós poñéndonos retos.

Algunha anécdota ou curiosidade que nos queiras contar?

Sorprendeume que me pararan pola rúa dicindo “o Varela da Televisión de Galicia” e “o de Fariña” para pedirme fotos.

E como anécdota contaríache o que me pasou nun programa moi difícil de gravar. Foi rodando en Castro Laboreiro. O traballo estaba quedando chulísimo pero custou rematalo. Quedaba ir a unha ruta pola auga e tirarse dunha rocha de 8 metros de altura. Chovía, e cando cheguei enriba da rocha non me atrevía a tirarme. Estaba cagado. Ao final, para que quedase un final redondo e coa adrenalina tan arriba como tiña con toda a xente que se portou xenial comigo non podía dicir que non… e tireime, claro.

“Sorprendeume que me pararan pola rúa dicindo “o Varela da Televisión de Galicia” e “o de Fariña” para pedirme fotos”

Para rematar, como se presenta o 2021?

Preséntase ben, con proxectos enriba da mesa e cun proxecto persoal de teatro no que teño moita ilusión e moitas expectativas postas para facer en Galicia.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...