Monforte centraliza os servizos turísticos e sácaos a licitación

O concello de Monforte abre este martes, 9 de marzo, prazo de presentación de ofertas para Concurso de explotación, a través dunha única xestión integral, do Espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, da Oficina de Turismo, da Oficina de Atención ó Peregrino e da Torre da Homenaxe, que son todos instalacións e servizos turísticos dependentes do Concello de Monforte de Lemos.

Oficina de Turismo de Monforte / Concello de Monforte

O Concello establece en 245.071,17 euros o prezo de licitación global desta concesión, que terá unha duración de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais de un ano cada unha. O prazo para que as empresas interesadas nesta concesión presenten as súas ofertas durará ata o venres 26 de marzo. Do mesmo xeito, a mesa de contratación celebrarase o mércores 7 de abril ás 10:00 horas.

Esta xestión integral dos servizos turísticos esenciais para a cidade de Monforte, estará en todo momento supervisada polo Concello, debendo a empresa adxudicataria consensuar co Concello a toma de decisións, a posta en marcha de todo tipo de accións e de actividades promocionais, o tipo de información que se debe facilitar ós visitantes, etc. 

A empresa adxudicataria deberá contar con persoal especializado e con formación contrastada en todas estas instalacións e servizos turísticos municipais, a fin de proporcionar a información e o trato máis axeitado ós turistas ou peregrinos que acodan ás mesmas. O requisito de contar con persoal especializado incluirá a icónica Torre da Homenaxe, un dos principais símbolos da cidade.

Cabe destacara a ampliación nos horarios de atención o público, que suporán que tanto a Oficina de Turismo, o Espazo expositivo do Centro do Viño como súa Tenda, e a Oficina do Peregrino, estarán abertos todos os días da semana ó longo de todo o ano.

A empresa adxudicataria estará obrigada á xestión, envío e derivación con carácter confidencial e actualizada mensualmente  dos datos ó Concello de Monforte. A petición do Concello, a adxudicataria enviará contidos promocionais turísticos para ser difundidos a través das diferentes canles, portais de internet e redes sociais municipais, sempre baixo a planificación e autorización do Concello de Monforte.

ESPAZO EXPOSITIVO DO CENTRO DO VIÑO DA RIBEIRA SACRA

Organización das visitas mantendo a exposición aberta tódolos días en horario de mañá e tarde. Xestión das súa instalacións: espazo expositivo, recepción, tenda, sala multiusos e almacén, así como as zonas comúns compartidas coa Tapería do Centro do Viño e coas dependencias do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Así mesmo comprende a xestión do patio como elemento central que unifica todas as instalacións do centro.

Centro do Viño / turismo.gal

As visitas guiadas realizaranse diariamente, como mínimo unha de mañá e outra de tarde, ampliándose se fose necesario. Este réxime horario ten a consideración de “mínimo”, podendo ser mellorado polo licitador na súa oferta. A Tenda do Centro do Viño deberá estar aberta tódolos días do ano. O horario mínimo de apertura da tenda será de 8 horas diarias. Este horario poderá ser mellorado, ampliándoo, nas ofertas dos licitadores, se ben en ningún caso poderá abrirse antes das 10:00 horas nin pecharse con posterioridade das 21:00 horas.

Polo que respecta á Tenda deste Centro do Viño, os produtos autorizados para a súa venda na mesma serán:

  • Viños da Ribeira Sacra
  • Licores da Ribeira Sacra
  • Produtos relacionados co viño (sacacorchos, decantadores, copas, libros, tapóns, etc.)
  • Produtos gastronómicos da Ribeira Sacra (queixos, bicas, conservas, etc.)
  • Produtos artesanais da Ribeira Sacra relacionados co viño (xerras, cuncas, etc)
  • Recordos e merchandising de Ribeira Sacra, Monforte e o Centro do Viño
  • Cosmética feita con uvas da zona
  • Bixutería e xoiería
  • Ocasionalmente, viños doutras denominacións.

A empresa adxudicataria deberá ofrecer estes produtos a través dunha tenda de venda on-line actualizada, dinámica, moderna e ben xestionada.

OFICINA DE TURISMO 

A Oficina de Turismo permanecerá aberta ó público todos os días do ano un mínimo de 8 horas en horario partido. A atención na oficina de turismo terá que ofrecerse, como mínimo en castelán, galego e inglés. O Concello facilitará material básico (planos, guías,..), sen prexuízo de que o adxudicatario poida aportar material adicional. O servizo de atención da Oficina de Turismo será gratuíto para os usuarios.

OFICINA DE ATENCIÓN Ó PEREGRINO

Dende esta instalación que se ubica na praza Doutor Goyanes s/n, facilitarase ó peregrino e ó visitante información relativa ó Camiño de Inverno, do concello e da contorna. Ademais prestará servizo de selado das credenciais os peregrinos que o demanden. Permanecerá aberta ó público diariamente, durante todo o ano, un mínimo de 8 horas en horario partido.

A atención ós visitantes na Oficina do Peregrino terá que ofrecerse, como mínimo, en castelán, galego e inglés. O servizo de atención da oficina do peregrino será gratuíto para os usuarios.

XESTIÓN DAS VISITAS Á TORRE DA HOMENAXE

Este servizo comprende a realización das visitas no espazo da Torre da Homenaxe, mantendo ademais o espazo aberto e custodiado durante os horarios que o Concello sinale. Inclúe así mesmo a xestión integral e o mantemento ordinario da instalación. A Torre permanecerá aberta ó público como mínimo nas franxas horarias que se recollen na seguinte táboa:

TempadaXornadaHoras
Inverno (outubro a abril, incluídos)Unicamente sábados, domingos e festivosMañá11:00 – 13:30
Tarde15:30 – 18:30
Semana SantaDe xoves a domingoMañá11:00 – 13:30
Tarde15:30 – 19:30
Maio a setembroTodos os díasMañá11:00 – 14:00
Tarde16:30 – 20:30

Torre da Homenaxe e Parador de Turimo de Monforte / aribeirasacra.info

PERSOAL ESPECIALIZADO E CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN

O contratista organizará, baixo a súa responsabilidade, os sistemas de xestión de persoal e de organización dos traballos na forma en que se consiga a maior eficacia do servizo. O persoal estará encadrado no Convenio colectivo de axencias de viaxe (BOE nº 281, de 21 de novembro de 2016).

En todos os espazos, o adxudicatario prestará o servizo con persoal suficiente e axeitado, que contará coa experiencia e formación obxectivamente esixibles. Todo o persoal deberá estar debidamente uniformado.

CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN E MELLORAS

  1. Menor prezo: 50 puntos.
  2. Maior inversión permanente en equipamento das instalacións: 15 puntos.
  3. Maior horario de apertura de instalacións sobre os mínimos esixidos no prego: 15 puntos.
  4. Memoria de explotación: 20 puntos.

Alcalde, José Tomé Roca, asegura que “con esta única xestión integral haberá un antes e un despois na xestión dos nosos servizos turísticos municipais, que redundará moi positivamente na imaxe e na información que trasladaremos de Monforte e da Ribeira Sacra ós nosos visitantes e peregrinos.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here