O grupo provincial do PP segue poñendo de manifesto as deficiencias das estradas que dependen da Deputación, neste caso no concello de Láncara, concretamente a estrada provincial LU-P 2702, onte “os oito quilómetros que van dende Santalla a Busto están en mal estado, e en Santalla de Lagos é preciso canalizar augas que corren pola calzada”, aseguran.
O viceportavoz provincial do PP, José Antonio García explica: “O grupo municipal do PP xa levou a pleno esta estrada. Unha vez no ano 2017, mediante unha pregunta, na que se pedía ao goberno municipal explicación de por que hai un vertido de auga directamente a estrada. Naquel momento, o alcalde tirou de ironía e dixo que a auga corre para abaixo; evidentemente que o fai, pero queremos que o faga polas cunetas e non pola calzada directamente, porque acaba causando danos. Non se fixo ningún caso. Ao pleno de xaneiro de 2020 o portavoz municipal do PP levou un rogo, pedindo o arranxo desta estrada e tampouco se fixo caso”.
García sinala: “Os veciños están totalmente enfadados. Comunicaron este problema ao alcalde e estráñanos que o deputado provincial socialista Pablo Rivera, que ten constancia do mal estado desta estrada, non faga nada e se poña de perfil”.
O mesmo representante do PP di: “Láncara apenas ten 38 quilómetros de estradas provinciais, dos cales oito están en mal estado. Entendemos que o propio deputado provincial socialista, o señor Rivera, e o alcalde deberían instar ao goberno provincial a arranxar esta vía, como piden os veciños, pero prefiren mirar a outras administración, queixarse doutras administracións. Neste caso, as estradas autonómicas de Láncara están en bo estado; a que peor está no municipio é esta provincial que vai dende Santalla a Busto, e que os gobernos municipal e provincial non fan nada para arranxala, como piden os veciños”.