O Concello de Quiroga solicitara á Xunta de Galicia a ocupación dos terreos pola vía de urxencia, tras publicarse no Boletín Oficial da Provincia o acordo adoptado polo pleno da corporación e cumpridos os prazos para presentar posibles alegacións.
Para a súa construción será precisa a ocupación de 3.647 metros cadrados de superficie e investir preto de 560.000 €. A maiores urbanizarase unha nova rúa que dará servizo ao cemiterio e unirá a rúa Tallos co cuartel da Garda Civil, que alcanzará un presuposto de 200.000 euros. Trátase, segundo recalcou o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, dunha obra moi importante e cun investimento total que superará os 700.000 €.
As previsións municipais son que na sesión plenaria de finais deste mes ademais de dar conta da autorización da ocupación dos terreos, se poida aprobar a ordenanza, o estudo de viabilidade e a contratación e xestión desta infraestrutura e en setembro arrancar as obras”.
A decisión de construír primeiro cemiterio de carácter municipal vén pola necesidade de contar cun lugar para acoller aos defuntos, posto que o cemiterio da parroquia de Quiroga xa non ten dispoñibilidade de máis terreo. A lei de competencias municipais di que é obrigación dos concellos dispoñer dun terreo mortuorio, polo que o concello deberá realizar esta obra.
O proxecto do novo recinto, endosado ao actual cemiterio, ten unha superficie de 3.326 m2, no que se construirán 1.036 unidades de enterramento novos entre panteóns e nichos. Tamén contará con dous columbarios para depositar as urnas das cinzas con 42 espazos cada un; e un local de culto aconfesional. E incluso se traballa na posibilidade de reservar un espazo para o enterramento de mascotas.
Dende o novo recinto crearase unha rúa en diagonal e unha serie de rúas que facilitarán o acceso a todos os servizos do cemiterio así como ao antigo campo santo. Aínda que o novo cemiterio estará unido ao actual, o anterior seguirá sendo de carácter eclesiástico e o novo será municipal, polo que o seu terreo será tamén da súa propiedade.
Para o seu bo funcionamento levouse a cabo un acordo co Bispado de Lugo para que o concello se encargue do mantemento dos dous e a Igrexa será quen se encargue da documentación en canto a asentamentos e rexistros tamén dos dous.