HomesociedadeNosoutras: mans que suxeitan

Nosoutras: mans que suxeitan

As seguintes palabras narran o profundo e marabilloso relato de Laura, unha muller que naceu para axudar aos demais. É a historia dela, pero tamén a de todas aquelas mulleres do rural galego que sosteñen a vida da súa familia grazas ao seu esforzo e dedicación. Sen dúbida, foron os engrenaxes dos fogares de Galiza e, sen elas, o motor do mundo teríase detido.

Publicado o

POR
Servizos Sociais Concello de Sober
- Advertisement -

O Concello de Sober presentatá o vindeiro 6 de novembro o documental ‘Nosoutras – Relatos Femininos’, a través desta iniciativa seis testemuñas femininas narran, con auténtica humildade e sinceridade, a súa biografía e como o feito de ser muller ten influído ao longo das súas vidas.

O proxecto ‘Nosoutras’ está recollido en dous formatos. O primeiro deles o papel, a través dunha publicación na que coñecemos os relatos de Pili, Laura, Noelia, Otilia, Samanta e Sara, o que permitiu, mediante o sentido do tacto e da vista, achegarnos ás súas historias de vida. O primeiro relato de Nosoutras é o de Laura Álvarez Pérez.

Roles de coidado

Corría o ano 1936 cando Laura naceu no seo dunha familia formada pola súa nai, seu pai e unha irmá menor. Recorda unha infancia feliz, pero truncada pola pronta perda de seu proxenitor. Por aquel entón, ela posuía un pequeno taller onde traballaba xunto a outras dúas mulleres, cosendo e confeccionando prendas e, ademais de pasalo ben, era a súa principal fonte de ingresos. Tras este tráxico acontecemento e acompañada pola súa familia, mudou de domicilio. Vigo foi o destino escollido para seguir escribindo as liñas do seu destino, un destino que non tardaría en volver achegala a Sober, o seu pobo natal e tamén o lugar onde residía o seu gran amor, José.

Durante os dous anos que estivo fora traballou na limpeza nunha residencia estudantil, mais, cando chegou de volta, deu comezo o seu papel como coidadora principal e traballadora nunha casa que por aquel entón era, para ela, descoñecida. Así pois, Laura coidou do seu tío, quen se mudou con ela para a casa cando voltaron de Vigo. Coidou tamén a un irmán e a unha irmá de José, proseguindo, a día de hoxe, cos coidados desta última. Ademais, vivían cerca dun matrimonio que, chegado o momento, non podían valerse por si mesmos e precisaron dunha man amiga, neste caso, a de Laura. “Viñeron onda min e eu fun. Fun moi contenta”, confesa a protagonista. Atencións que foron combinadas coa crianza da súa filla María José e do seu fillo Roberto.

Aos seus 85 anos, Laura defínese a si mesma como unha traballadora incansable, unha muller activa e agradecida á vida, con moito por entregar aínda. Recoñece que axudar aos demais cando os osos comezan a pesar, os recordos a nubrarse e as forzas a escasear, ten tamén unha parte negativa e dolorosa: o exceso de empatía tamén esgota e resta tempo de vida propio.

A nosa amiga Laura é unha desas mulleres que chega a esquecer, de forma natural, que ela tamén ten dereito a ser coidada. Que o café e o biscoito que nos serviu ao sentarnos ao carón da cociña de ferro disposta a compartir con nós parte da súa vida, é un momento necesario. Laura é, ao igual que moitas mulleres, un exemplo de dedicación absoluta á vida dos que máis quere. O claro exemplo de entender o benestar situando aos demais por riba. Exemplo de xenerosidade vital, sen haber nada máis humano ca iso.

As mulleres coma Laura coidan do desenvolvemento da vida dos que as rodean, do seu progreso, do seu benestar, da súa vida e tamén da súa morte. Do mesmo xeito que –como diría Marcela Lagarde- os/as campesiñas coidan da produción e da terra. A condición de coidadoras gratifica ás mulleres sen deixar de situalas entre a satisfacción e a obriga.

Os roles de coidado, asociados tradicionalmente á maternidade, achéganse ao “descoido” para lograr o “coido”. Por iso, mulleres coma Laura usan o seu tempo na relación corpo a corpo, deixando a un lado os seus intereses e aceptando, sobre todo, que o centro da súa vida xa non son elas mesmas,  senón que ceden, con todo o amor do mundo, ese espazo “ao outro”. Non hai acto de amor máis puro, pero a pureza da realidade debe de tomar outros camiños, reforzando a necesidade de desfrutar do que nos é propio e ofrecéndonos a posibilidade de desenvolver os nosos obxectivos vitais con independencia de nacer muller ou home.

ÚLTIMAS

Campus de Voleibol e de Fútbol en Quiroga

O Concello de Quiroga poñerá en marcha un ano máis, e xa van 5,...

O Concello de Chantada aumenta a capacidade e mellora os servizos do punto limpo

O Concello de Chantada vén ampliando e mellorando o punto limpo do municipio desde...

305.000€ para un novo aparcadoiro no Polígono do Reboredo en Monforte

O aparcamento actual, que se ubica na marxe esquerda da vía principal do Polígono,...

Aberto o prazo para a ludoteca de verán de Triacastela

As actividades da ludoteca terán horario de 09:30 a 14:00 horas. Ofértanse 20 prazas...