IniciosociedadeUn 'San Martiño' especial en Quiroga

Un ‘San Martiño’ especial en Quiroga

Baixo o título “San Martiño, o viño no Camiño”, a celebración deste ano inclúe actividades arredor destes dous elementos característicos do concello, estendendo ademais o programa de eventos á fin de semana do 13 e o 14 de novembro.

Publicado o

- Advertisement -

A celebración do Patrón da vila de Quiroga terá nesta edición un programa especial, baixo o título “San Martiño, o viño no Camiño”, que contempla novidades importantes coas que se pretende enxalzar dous elementos de gran importancia para o concello: o viño e o Camiño de Inverno a Santiago.  

A importancia do viño é capital, sendo o territorio de Quiroga un dos piares fundamentais na achega de uva para a D.O. Ribeira Sacra. Trátase, pois, dun elemento esencial na paisaxe, na economía, nos costumes e tamén nas tradicións. “A historia e a literatura reflicten a súa importancia no pasado e no presente do Camiño de Inverno, engaden dende o concello.

EN DÉBEDA COA CELEBRACIÓN DA FEIRA DO VIÑO

Ademais da idea de conxugar viño e Camiño, a organización dun programa especial do San Martiño veu dada tamén pola ‘non celebración’ da Feira do Viño de Quiroga como manda a tradición. Houbo varios intentos ao longo do ano, mais a situación pandémica impediu a celebración deste evento como correspondía, coa presenza de colleiteiros, e tamén de adegas profesionais, entre outras cousas.

Diante desta situación sanitaria, a programación cultural municipal tivo que adaptarse e desenvolver actividades alternativas ao longo do ano para enxalzar este produto: primeiro, coincidindo coas datas de celebración da Feira do Viño  na Semana Santa; logo no verán, os días 24 e 25 de xullo, e agora farao tamén aproveitando o San Martiño.

PROGRAMACIÓN SAN MARTIÑO 2021

O programa do “San Martiño, o viño no Camiño” contempla actividades musicais, deportivas e culturais que se desenvolverán na propia vila e tamén en varios lugares estratéxicos do tramo do Camiño de Inverno. Eses lugares son Montefurado, Bendilló, O Soldón e Os Novaes, núcleos de poboación que acollerán entre as 9:30 e as 12:00 h. –do día 11 de novembro– unha alborada da charanga ‘Brisas do Sil’. A idea é facer estas actuacións musicais seguindo o percorrido do Camiño de Inverno entre Montefurado e Quiroga, coas respectivas ‘paradas musicais’ comentadas.

Ás 12:00 h. terá lugar unha a misa e a procesión xa na vila de Quiroga, e a partir das 13:00 h. a Praza Maior será o epicentro da celebración do San Martiño.

Ás 13:00 h. haberá unha degustación e presentación de viños da Adega Atrium Vitis; ás 13:30 h. actuará a charanga “Brisas do Sil” e ás 16:00 h. haberá xogos infantís.

Viños da adega Atrium Vitis. Foto: Ana

A partir das 19:00 h. na mesma Praza Maior desenvolverase o popular Magosto, con viño novo e amenizado por Jorge Ferre Band.

OUTRAS ACTIVIDADES

Dentro do programa, aínda que fóra xa do día grande do Patrón San Martiño, haberá outras tres actividades de interese: o día 13 de novembro actuará María do Ceo ás 18:00 h. no Auditorio Municipal –actuación patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística–, e o día 14 haberá unha camiñada ás 10:00 h. para facer un tramo do Camiño de Inverno e ás 18:00 h. terá lugar no Auditorio Municipal a representación teatral da obra “Invisibles”. A camiñada está organizadas polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e o teatro patrocinado pola Rede de Política Lingüística.

ÚLTIMAS

“Outlet de Inverno” en Sarria, os día 1 e 2 de marzo

Durante eses días, preto dunha trintena de establecementos de ACES participarán nunha campaña de...

Cales son as prioridades do orzamento do novo goberno para Quiroga?

No caso do servizo municipal de auga, co inicio das choivas de outono a...

Máis de 200 persoas inscritas para a carreira Xacorun Sarria que se celebra o 3 de marzo

A Xunta apoia un ano máis a iniciativa Xacorun, unha carreira entre Sarria, Paradela...

IGV demanda medidas “ante a crise de produtores de uva na Ribeira Sacra”

Interior Galego Vivo explica que "hai unha crise de excedentes de uva na DO...