IniciosociedadeComo foi o 2021 para o concello de Pantón?

Como foi o 2021 para o concello de Pantón?

Durante este mes pódense presentar as solicitudes de pagamento de 500 € por cada nacemento no 2021.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O ano 2021 foi un dos anos de máis investimentos e obras no Concello de Pantón, pero as circuntancias da pandemia non permitiron executar todos os traballos que se completarán neste 2022, segundo asegura o alcalde.

“As principais liñas de actuación centráronse en mellorar os servizos do rural, así executáronse as estradas do Pontón, Acedre, O Cotillón, Outeiro, Míllara, Ferreira, Vilar de Ortelle, Vilar de Cangas, a estrada a Ribas de Miño e melloras nas estradas de Tuiriz. Algunha destas obras aínda se completarán próximamente”, sinala o alcalde, José Luis Álvarez, que lembra que tamén se amañaron os núcleos de Acedre, San Román de Acedre, O Curro, Santa Mariña, A Capa e Souto en Pantón.

Neste ano que vén de rematar o concello fixo a traída de augas de Tribás e mellorouse o abastecemento na capitalidade municipal. Fíxose a primeira e segunda fase dos colectores en Vilamelle (neste ano executarase a terceira fase) e estase acometendo a primeira fase en Moreda. Colocáronse tamén contadores de telemedida para o control de augas. O alcalde asegura que “o meu obxectivo é seguir facendo desaugadoiros e levar auga potable a todo o municipio antes de completar o mandato.”

Desenvolveuse un importante esforzo en mellorar e poñer en valor as fontes do concello, como a fonte do Piñeiro, por onde pasa o Camiño de Inverno, a de Briallos, Acedre ou a de Moreda.

Un dos principais investimentos é o que se adica á renovación do alumeado exterior na maior parte do concello, coa implantación de sistemas led para o aforro enerxético. Case 600.000 euros adícanse a estas melloras. “En temas de alumeado fíxose tamén a segunda fase do alumeado das Bernardas e fíxose o albergue deste convento, do que tamén estase executando o paseo peatonal”, apunta José Luis Álvarez.

No 2021 mellorouse o campo de fútbol do Baliño e fíxose un campo de fútbol artificial para o adestramento. Estase acometendo a reforma do pavillón de deportes e este ano farase o acceso á piscina. Reformouse o mesón dos Castros e fíxose o novo parque infantil da feira. Habilitáronse novos parques biosaudables en Galegos, Goián, Espasantes e Turiz e fixéronse melloras incorporando novas máquinas ao resto de parques biosaudables cos que conta o municipio.

Perto de 600.000 euros destina o concello de Pantón a estas obras en convenio con outras administracións, financiando ao redor do 30% destes investimentos.

Servizos Sociais

O Concello de Pantón fai un importante esforzo en atender as necesidades da poboación, en especial da máis envellecida e da máis nova. Durante este mes poden presentar as solicitudes de pagamento de 500 € por cada nacemento no 2021. O gardaría de Pantón atende a unha vintena de nenos/as cada ano. No CEIP Plurilingüe Monte Baliño estudan case 70 alumnas/os e para o alumnado que estuda fóra habililítanse axudas ao transporte.

Festival de Reis 2022 Pantón

A media de idade dos 2.500 habitantes que ten o concello supera os 60 anos polo que este perfil de idade require unha grande atención. O centro de día do concello presta servizo a medio cento de persoas e cóntase con 25 traballadoras/es sociais, sendo “un dos concellos da contorna que máis adica a servizos sociais”, asegura o alcalde.

Cultura e Turismo

Durante o 2021 o Concello de Pantón foi escollido por numerosos visitantes; nos momentos en que as circunstancias da pandemia o permitían, enchéronse as casas de Turismo Rural que se reparten polo municipio. “Estamos moi ben situados entre Monforte e Ourense. Temos un románico moi importante, un campo de golf, un balneario, a fervenza de Augacaída, moitas rutas de sendeirismo, a viticultura, os pazos e casas grandes e todo o noso patrimonio material e inmaterial,” asegura o alcalde ao falar dos recursos do concello. “O mellor que temos é a xente e servizos e lugares para vir comer e disfrutar”, conclúe.

O concello de Pantón conta na casa da cultura cos servizos de cultura e turismo unidos para ofrecer unha mellor atención. Así a oficina de turismo abre as súas portas de luns a venres de 10:00 a 21:00 e os sábados de 10:00 a 14:00.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...