Desde o concello de Paradela lembran que pola alarma sanitaria mundial, desde o 2020 houbo que prescindir de actos oficiais e tamén, en moitos casos de xuntanzas e homenaxes, polo que se buscou unha alternativa para a celebración dos 200 anos de historia desta administración local.
Este ano o concello quere conmemorar esta celebración dunha forma especial, elaborando unha exposición de fotos antigas e así recrear a historia de Paradela en imaxes.
Para elo solicitan da veciñanza que lles faga chegar fotos antigas dos distintos lugares, actividades e persoeiros do concello, fotografías que serán devoltas ao seus donos umha vez sacada unha copia. Para colaborar con esta celebración pódese solicitar máis información no 982541101 ou nas oficinas municipais.
Certame literario Manuel Oreste Rodríguez López
E o concello de Paradela ten en marcha a XXVII edición do certame literario Manuel Oreste, co que se honra a memoria deste escritor, Fillo Predilecto do concello. Nesta ocasión resentáronse 913 traballos, 490 na modalidade de narrativa, 396 son de poesía e 27 están relacionados co Camiño de Santiago, nova modalidade para poñer en valor a ruta xacobea ao seu paso por Paradela.
O fallo do xurado darase a coñecer no mes de maio contando con 7.000 euros en premios, sendo os primeiros de cada categoría de 1.000 euros e os segundos de 500 euros, contémplanse ademais 6 accéssit e 6 mencións de honra dotadas con 250 euros.