Manifesto e música para o 8M en Monforte

Esta mañá tivo lugar en Monforte a Concentración oficial polo “Día internacional da Muller”. No acto que se levou a cabo diante da fachada da Casa Consistorial leuse o Manifesto, que correu a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.

8M Monforte 2022 / concello de Monforte

Participaron do acto representantes da Corporación Municipal, así como as responsables do Centro de Información á Muller, traballadores e traballadoras municipais, e veciños e veciñas de Monforte. Dúas alumnas do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez, Iara Rodríguez González e Lujie Prieto Robisco, interpretaron unha obra co seus violíns, un fragmento do “Canon en Re Mayor ” de Johann Pachelbel, para pechar o acto.

MANIFESTO 8 DE MARZO 2022, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

A superación da crise sanitaria, económica e social que vén de socavar os pilares do mundo, ten que pór o foco na figura da muller e pasar necesariamente polo seu reforzamento. O progreso é incompatible coa inxustiza e a mediocridade que presiden a discriminación por razóns de
xénero. A valía e dignidade da muller son incuestionables e non poden continuar -baixo ningún pretexto- ameazadas, minguadas nin tan sequera infravaloradas. Ademais de absolutamente irracional e inxusto, este comportamento lastra o desenvolvemento da humanidade en todos os
eidos.

O proceso de rexeneración que estamos a emprender debe ser o fin desta histórica conta pendente para calquera sociedade que se considere civilizada. É o momento de forxar xeracións de igualdade real e intrínseca, cuxas xentes non poidan sequera imaxinar outro modelo e repudien instintivamente calquera forma de discriminación ou ataque ás persoas, incluída a que se exerce sobre as mulleres. Para iso todos os cambios, decisións e accións que se están a dar nestes tempos deben facerse
dende a perspectiva de xénero: mesma consideración, mesmo trato, mesmas oportunidades, mesmas obrigas…

Os concellos somos a Administración da cidadanía, a que lle xera maior confianza. Temos un papel relevante na construción social en igualdade ao sermos quen ten máis capacidade para chegar aos corazóns e ás conciencias, cimentos estes máis determinantes no comportamento.

Neste contexto, desde o concello de Monforte de Lemos proclamamos a igualdade de todas as persoas independentemente do seu sexo, reiteramos o noso compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e co obxectivo de que ocupen o lugar que lles corresponde (o mesmo que os homes). Así:

– Instamos a todos os organismos e entidades públicas e privadas, axentes sociais, sectores produtivos e á sociedade en xeral a subscribir esta declaración e aplicar os principios de igualdade de dereitos e responsabilidades entre mulleres e homes.
– Salientamos o inestimable e imprescindible valor da muller no desenvolvemento das persoas, da xeración de riqueza e do progreso da humanidade, e instamos á súa visibilidade.
– Denunciamos a inxustiza da desigualdade que persiste ata o de agora na sociedade que pon ás mulleres en situación de vulnerabilidade en múltiples eidos da vida. E comprometémonos a empregarnos activamente e a fondo para a súa corrección.
– Manifestamos o noso compromiso por aplicar todas as medidas posibles no seo das nosas organizacións e nos nosos ámbitos de influencia.Prensa
– Sinalamos a obrigatoriedade de coordinar e sumar as máximas sinerxías posibles na búsqueda da igualdade, aumentara esforzos e medios e dar prioridade a este obxectivo.
– Comprometémonos a aportar e impulsar este proceder dentro das nosas posibilidades. Por último non quero esquecerme das mulleres que están en zonas de guerra nas que se engade unha tóxica combinación de desigualdade, discriminación e conflito social.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here