IniciosociedadeMonforte axuda con 28.000€ a Ucraína e o alcalde informa sobre como...

Monforte axuda con 28.000€ a Ucraína e o alcalde informa sobre como colaborar

O concello de Monforte anuncia o envío urxente de axuda económica ó pobo ucraíno para colaborar fronte á grave crise humanitaria que padecen.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O concello de Monforte levará a cabo de xeito inminente as accións de cooperación a través dunha das entidades que o Goberno de España estableceu para canalizar a colaboración con Ucraína, como é a Cruz Vermella Internacional. O concello manifesta o apoio ao pobo ucraíno e en acordo adoptado por unanimidade este luns en Xunta de Goberno, decide aportar unha axuda económica directa e inmediata por importe de 10.000 €, así como a adquisición de material de primeira necesidade por importe de 18.000€, que se canalizarán a través da Cruz Vermella Internacional.

“Sabemos que a día de hoxe a prioridade é axudar á poboación civil nestes momentos nos que atravesan situacións tan difíciles, e sabemos que a mellor forma de facelo é en colaboración coas entidades que están no territorio, como é o caso de Cruz Vermella”, asegurou o Alcalde.

Oferta de aloxamento para os refuxiados ucraínos

Non dispoñendo o Concello de vivendas da súa propiedade para o acollemento a familias de refuxiados ucraínos, comunica á cidadanía en xeral, que aquelas persoas que dispoñan de ditas vivendas e queiran colaborar co Concello, se dirixan ao correo electrónico alcaldia@concellodemonforte.com, concretando o máis detallado posible as características e servizos dos inmobles ofertados para que, a través do Concello, se remitan á Subdelegación do Goberno e desta forma realizar dita oferta de forma coordinada. Especificarase o tipo de vivenda que ofertan, número de habitacións, baños, servizos incluídos, electrodomésticos dispoñibles, conexións a internet, etc., así coma ubicación do mesmo. E se ofertan un acollemento de familias ou ofrecen vivendas.

Como colaborar

O concello agradece o ofrecemento da veciñanza de Monforte e recorda que dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia, así como dende diversas ONG’s e do Fondo Galego de Recuperación e Solidariedade infórmase aos concellos e recoméndase á cidadanía as seguintes cuestións:

  • Paralizar as doazóns de bens en especie, dado que se está a producir unha saturación tal que carrexa graves dificultades de almacenaxe, loxística e transporte. Ademais, descoñécese cales son os materiais que se necesitan en cada momento, xa que a situación de crise é cambiante. Por tanto, se algún concello ou deputación ten en marcha algunha campaña de recollida de alimentos e materiais de primeira necesidade a mellor opción será gardar todo o material para ser empregado unha vez cheguen as persoas refuxiadas a Galicia.
  • Priorizar as achegas económicas. O máis eficiente e eficaz é sempre facer unha achega económica ás ONG ou organismos internacionais que están dando apoio á poboación ucraína afectada, para que merquen o que realmente precisan no momento que o precisan.  Estas doazóns pódense realizar a través das seguintes entidades, entre outras:
  • Os concellos deberán rexistrar as vivendas dispoñibles para acoller poboación refuxiada a través do formulario habilitado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Neste senso, a prioridade son solucións habitacionais de titularidade pública, ou en todo caso vivendas privadas, e non espazos compartidos con familias galegas.
  • Descártanse as iniciativas individuais para recibir a menores non acompañados, lembrando que existe un sistema de acollida institucionalizado e que, na medida do posible, as nenas e nenos deben reagruparse coas súas familias.
  • Non facer envíos de materiais por conta propia. É unha irresponsabilidade trasladar o envío de materiais desde a nosa localidade ata a fronteira da zona en conflito. Sempre que se faga un envío de materiais de axuda humanitaria debe ser baixo o amparo dunha ONG especializada. Ademais, se non temos a unha entidade receptora no país de destino, a viaxe pode resultar completamente inútil.
  • En ningún caso ir en busca de persoas para traer á nosa localidade. E moito menos se se trata de menores. Esta tarefa debe quedar en mans das autoridades competentes e non podemos sortear todos os procedementos legais e burocráticos precisos para materialización da acollida, porque podemos estar poñendo en risco ás persoas refuxiadas.

“Desde o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fannos un chamamento á calma e á orde, pois aínda que hai moita vontade por parte dos concellos galegos de colaborar co pobo ucraíno, precísase que sexa feito de xeito organizado e coordinado, escoitando as recomendacións das administracións públicas competentes e das ONG expertas, para non entorpecer a materialización da axuda” subliña o Alcalde.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...