O día 19 de marzo creouse en Taboada a Plataforma taboadesa de solidariedade con Ucraína, integrada por asociacións culturais e deportivas (Asociación Cultural O Carballo, Taboada Feminino FS, Taboada Club de Fútbol, Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA), Asociación Cultural Os D’eiquí, Asociación Cultural O Marrao Enxebre, Asociación Festas de Taboada) que deciden así coordinar os esforzos de todos aqueles que queiran colaborar cos refuxiados ucraínos que chegarán ao concello nos próximos meses.
O seu obxectivo é organizarse para asegurar a acollida destes refuxiados e auxilialos economicamente durante os meses que permanezan aquí. Nos próximos días habilitarán canles para reunir fondos e conseguir alimentos, medicamentos, roupa e outros produtos que poidan precisar. “O aloxamento é fundamental polo que se alguén está interesado en ofrecer un domicilio, pode poñerse en contacto connosco. Animamos a todas as asociacións, particulares e empresas do concello que o desexen a que se sumen á nosa iniciativa”, sinalan desde a Plataforma. Contacto: 654 702 096 (Fátima)
E ao Concello de Chantada chegan esta semana dúas familias (oito persoas en total) procedentes de Ucraína. O concello prepara a casa para o acollemento e solicita a colaboración da veciñanza para conseguir distintos utensilios de cociña, mobles de habitacións e roupa de cama e de baño, entre outro material. O material entregarase na igrexa de Chantada (Parroquia de Santa Mariña) e antes de levar nada é imprescindible chamar por teléfono a un destes números:- 647 75 32 19 – Alejandro (Sacerdote)- 982 46 22 99 / 604 08 01 44 – (Servizos Sociais).
Concerto solidario en Sober
O Concello de Sober colabora, no marco do Mes do Amandi, co concerto solidario coas vítimas de Ucraína, que vai ter lugar o sábado, 26 de marzo, ás 22:00 horas na Praza do Toural.
Actuarán Os Parentes e DJ Nacho Morales e Elías Vieira, coa fin de recaudar fondos que irán destinados íntegramente a familias ucraínas. Pídese a colaboración mediante a recollida de achegas económicas que voluntariamente faga a xente que asista ao concerto, que serán doadas ó 100% para contribuír a esta causa.