HomesociedadeMonforte preparada para a XVIII Feira Medieval

Monforte preparada para a XVIII Feira Medieval

O Concello de Monforte xa ten listos os preparativos para que esta fin de semana do 16 e 17 de abril, a cidade retorne ó seu pasado medieval, a través da celebración da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O rexedor monfortino anima á participar na Feira Medieval a todos os monfortinos e a todos aqueles que visitan a cidade e a Ribeira Sacra nestes días e confía en ”que logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia, este ano a Feira Medieval volverá a ser un éxito, porque a implicación da xente é máxima e porque temos ganas de recuperar as actividades propias da nosa vida normal”. Desde o concello agárdase gran afluencia de xente cunha climatoloxía moi favorable, algo que se constata na porcentaxe de ocupación de prazas hoteleiras que case chega ao 100%.

Con esta edición número 18, quedarán so dúas edicións para que a Feira Medieval de Monforte acade a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Destacan desde o concello a alta participación nos concursos da Feira. No de traxes medievais cóntase con 20 parellas inscritas e 18 en modalidade individual. 6 locais están inscritos na modalidade de decoración de establecementos e 3 no concurso de decoración de balcóns. Para estes tres concursos, o Concello destina máis de 2.000 euros en premios. A decisión do xurado sobre os  gañadores destes tres concursos farase pública o sábado 16 de abril ás 19:30 h na Praza de España, no transcurso da propia Feira Medieval.

Espazos e actividades consolidados

O Campamento Medieval ubicado na praza de España, será un dos eixos centrais da Feira, con recreacións históricas a cargo dos Cabaleiros do Ulver, e que incluirá unha exposición de armeiros con armas de diferentes estilos, coleccións de indumentarias civís e utensilios do medievo. A actuación de xigantes, bufóns e artesáns completará a oferta de actividade na praza de España.

Ás 12 horas da mañá do sábado 16 de abril uns pregoeiros desenvolverán un espectáculo no que informarán do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte, dándolle paso ó saúda do Alcalde para declarar aberta a XVIII Feira Medieval de 2022 de Monforte. Posteriormente haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.

Feira Medieval previo 2022 / XdL

Mantense unha completa Programación infantil para facer que os máis pequenos se interesen por estas celebracións medievais, ubicando o Campamento Infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, no que haberá diferentes xogos, obradoiros, torneos e atraccións medievais para os máis pequenos.

Consolídase a ubicación do espectáculo de aves de rapiña e cetraría coa agrupación de “Falcóns Galicia” no Campo de San Antonio e mantense un dos espectáculos máis atractivos e que gustan moito ó público, as Xustas Medievais, desenvoltas por “Hípica Celta”, no campo de terra dos Pais Escolapios. Como actividade central terán tanto o sábado como o domingo ás 18.00, un Gran Torneo Medieval, un espectáculo que incluirá variacións con respecto ós últimos anos, con rotura de lanzas, combates de espadas, nomeamento de vencedores e música ó vivo.

Este ano volverá a ter protagonismo a praza Luis de Góngora na noite do sábado 16 de abril, cun espectáculo que combina técnicas de manipulación de lume, música ó vivo, a acrobacia, a maxia e a pirotecnia fría para culminar coa queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta dos Faroliños de papel co que finalizarán as actividades do sábado.

Novas actividades

Para subir a San Vicente, este ano auméntase o número de fachos de 100 a 200, un 100% máis que na anterior edición e tamén se incrementará o número de faroliños un 150% máis, pasando de 200 a 500 unidades.

Haberá tamén un aumento dos espectáculos na rúa, en concreto, pasarán de 4 a 7 o número agrupacións musicais, o que permitirá facer 6 actuacións musicais por día, tanto para o sábado como para o domingo. E delas, dúas son agrupacións monfortinas: a Batucada de Creativa e os Xograres de Lemos, polo que dende o Concello séguese apostando polos grupos e empresas locais..

Unha das principais novidades deste ano é o Desfile do Gran Dragón, que percorrerá dende a praza de España as principais rúas da Feira e o domingo día 17 ás 9 da noite na praza Campo de San Antonio celebrarase o espectáculo “Fire Performance”, composto por música, acrobacias, bailaríns, percursionistas e manipuladores de lume, que realizarán diferentes cadros escénicos para pechar o domingo a Feira Medieval. Retómanse tame´n as comidas e ceas medievais no Parador de Turismo.

Máis de 100 postos no Mercado Medieval

Este ano contarase con 103 postos, deles, 50 son de artesanía, 34 de alimentación e 19 de comercio. Os postos de alimentación estarán distribuídos entre a venda de produtos gastronómicos que irán ubicados no interior do espazo dos mercados, o que se chama Zoco Gastronómico, e o resto das paradas gastronómicas distribuirase ó longo de todo o traxecto, sendo o zoco central destas paradas o atrio da igrexa da Régoa.

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...