Homesociedade"Soterradas", percorrido visitable aos espazos das mulleres da servidume no Pazo de...

“Soterradas”, percorrido visitable aos espazos das mulleres da servidume no Pazo de Tor

Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Museos, que este ano se celebraba baixo o lema “O poder dos museos”, inaugurouse no Pazo de Tor o proxecto de recuperación e posta en valor dos espazos nos que habitaron as persoas que desenvolveron tarefas domésticas ou agrarias na propiedade ao longo da historia, como persoal de servizo ou como caseiros e caseiras.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A intervención no Pazo de Tor desenvólvese no marco do proxecto “Soterradas. A vida tralos mantelos, da fortaleza ao Pazo”, que busca incorporar a perspectiva de xénero e social ao discurso museográfico.

A actuación recupera para o percorrido visitable do Pazo de Tor sete estancias: tres cuartos, un aseo, unha zona de ferramentas e un tear, no soto do edificio, e a vivenda de Ángeles Rivada, que comezou a traballar no servizo no 1959, con nove anos, e que permaneceu no Pazo ata a xubilación, mesmo despois de que a propiedade fose cedida á Deputación de Lugo -a súa continuidade figuraba como condición na doazón-.

Ata agora, a visita ao Pazo de Tor limitábase as salas e dependencias ocupadas pola nobreza, que conservan o mobiliario e as coleccións artísticas que a linaxe dos Garza, a quen pertenceu, foi atesourando ao longo dos séculos, ofrecendo un testemuño privilexiada do modo de vida da nobreza na Galiza da Idade Moderna.

Coa recuperación e posta en valor destes novos espazos, respectando a distribución e estrutura orixinal, e incorporando obxectos que formaban parte da vida cotiá das presoas que os habitaron,  o Pazo de Tor visibiliza relatos esquecidos ou ignorados na construción do discurso museográfico, en detrimento, sobre todo, do recoñecemento do traballo das mulleres, maioría entre o persoal de servizo.

Pazo de Tor espazo recuperado Soterradas / Viceprensidencia Deputación

Na representación desa memoria oculta, teñen especial relevancia os mantelos, unha prenda presente en diferentes puntos do percorrido como símbolo da distinción de clase entre as mulleres das fortalezas e pazos.

A xerente da Rede Museística Provincial e coordinadora do proxecto Soterradas, Encarna Lago, explicou que “a recuperación destes espazos é froito do traballo de investigación, conservación, difusión e actividade didáctica realizado nos últimos tres anos no territorio” e sinalou esta “incorporación de novos espazos e novas narrativas como un cambio radical no ADN do museo,  noque se ofrece agora unha  visión completa do que aconteceu, de arriba abaixo e de abaixo arriba”.

A visita guiada por estes novos espazos deu inicio a segunda edición das Xornadas Pacegas, que se desenvolven ata este xoves baixo o mesmo epígrafe que o proxecto de renovación museolóxica “Soterradas. A vida tralos mantelos, da fortaleza ao Pazo”.

Pazo de Tor Xornadas Pacegas / Vicepresidencia Deputación

ÚLTIMAS

Monforte anuncia corte na subministración de auga este 21 de abril no Polígono Reboredo, Piñeira e Distriz

O motivo deste corte é a realización de obras na rede de tubaxes co...

CV Ciudad de A Coruña gaña o Campionato Galego de Volei Feminino Cadete que se celebrou en Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co Concelleiro de Deportes, José Manuel...

Do 21 de abril ao 20 de maio pódese solicitar a inscrición en Artelemos 2026

As artesás e artesáns interesados en participar deberán presentar o modelo normalizado de solicitude...

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...