A presentación do evento gastronómico para dinamizar a hostalería local que organiza a APEHL –Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo–, e bautizado este ano como ‘Cume Tapas Erótico’, presentouse oficialmente este venres 20 de maio no salón de actos do Centro do Viño da Ribeira Sacra.
No acto, presentado pola locutora de Onda Cero Monforte, Manola Porto, estiveron tamén: Jacobo García, secretario da entidade organizadora, Gerardo Criado, como representante da xefatura territorial da Xunta, Gloria Prada, tenente de alcalde de Monforte, e as tres Drags Queens que amadriñaron o evento: Lola Menta, Ketty Pinn e Manola Pirola.
As autoridades presentes convidaron á participación, amosando ademais o seu apoio ás novidades deste ano e á intención reivindicativa de respecto á diversidade de xénero. Pola súa banda, as Drags Quens que exerceron de madriñas agradeceron o feito de ser convidadas así como tamén a temática e intención do concurso deste ano.
A continuación, Beatriz Vila, delegada da APEHL na zona, comentou as novidades da edición deste ano do Cume Tapas que alcanza a súa XII edición. Unha delas é que este ano dáselle prioridade aos clientes, aos que se lle quere agradecer estar a carón da hostalería nestes anos tan difíciles facéndoos protagonistas da escolla das mellores tapas. Non haberá xurado profesional e eles serán os que decidan coas súas votacións cales serán as 3 mellores do ‘Cume Tapas Erótico’. Como recompensa, participarán en varios premios nun sorteo final. A outra novidade é a temática, tendo este ano unha intención reivindicativa: ‘chiscarlle un ollo ao amor e á diversidade sexual’. “O erotismo é algo natural e falar de sexualidade é algo normal… con este concurso queremos reivindicar que se ten que rematar cos tabús e coas discriminacións por razón da condición sexual”, dixo Beatriz. “Temos que seguir abrindo mentes”, engadiu.
Tendo este ano unha intención reivindicativa que non é outra que ‘chiscarlle un ollo ao amor e á diversidade sexual’
ACTIVIDADES PARALELAS
No transcurso do ‘Cume Tapas Erótico’ haberá varias actividades. Unha delas será unha “Cea Erótica” cunha sexóloga no Restaurante Manuel Bistró o 26 de maio; unha ‘Quedada de vespas’ o sábado 28 de maio ás 18:00 h. na explanada dos Escolapios; unha Charla sobre diversidade de xénero no Ateneo Casino e con data e hora por concretar; e un concerto de Andrés Montes o domingo 5 de xuño ás 19:00 h. no Centro do Viño da Ribeira Sacra.
ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES
No que respecta aos 8 establecementos participantes, Vila agradeceu o seu apoio e ‘atrevemento’ para presentar as súas creación gastronómicas con toque picante e sexual. Polo prezo de 1,80 euros poderanse degustar petiscos tan suxestivos como: “Ofigochorréame”, “Paixón”, “Volován ardente” ou “Goza do rabo”. Os locais participantes son os seguintes: Adega do Carlos, Cardenal, Casa Carballo, Confitería Moure, El Hórreo, MC, Jardín 34 e Rabeno.
Ademais destes participantes no concurso hai varios establecementos hoteleiros colaboradores dos concellos de Chantada, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao e Sober con tarifas especiais para hospedarse nos días do ‘Cume Tapas Erótico’.
REMATE DO ACTO
As madriñas recibiron a tradicional peza de recordatorio do evento realizado pola Olaría de Gundivós, así como tamén un complemento de bixutería de Artesanía En Lá e o tradicional mandil da APEHL. Pola súa banda, Manola Porto deu remate ao acto desexando “que sexa o Cume Tapas do respecto, da diversidade e da igualdade”, e a continuación presentou a Andrés Montes, vocalista dos Gin Toni’s, que puxo a guinda ao acto interpretando a canción de Mecano ‘Mujer contra mujer’.
O evento conta co patrocinio da Deputación de Lugo e coa colaboración de diferentes empresas e entidades da Ribeira Sacra.