O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, destacou o bo estado de saúde do que goza esta área empresarial “froito da promoción e dos proxectos de mellora promovidos polo Concello neste polígono nos últimos anos. O éxito que agora vive o Polígono débese en gran medida á aposta decidida que fixemos dende o Equipo de Goberno”.
Tanto o Alcalde como o Conselleiro destacaron a colaboración entre ambas administracións que permitiu abrir un novo vial e o Viveiro de Empresa, o rexedor monfortino engadiu ademais “que hoxe é un bo día para dar a coñecer estes proxectos, porque o interior está moi necesitado deste tipo de iniciativas, que contribuirán ó desenvolvemento do Polígono e á dinamizar o interior de Galicia e á Ribeira Sacra”.
Viveiro de Empresas do Concello de Monforte
Hai poucos días, precisamente o Alcalde monfortino anunciaba a posta en marcha do primeiro Viveiro de Empresas do Concello de Monforte, sendo a primeira vez que a cidade conta cun espazo destas características, destinado ó fomento e desenvolvemento de iniciativas emprendedoras de carácter industrial.
O investimento para crear o viveiro na nave propiedade municipal foi de 427.267,38€, dos que o Concello aportou 235.913,45€ e a Xunta de Galicia 191.353,93€. As obras de construción do novo Viveiro de empresas correu a cargo da empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos S.L.U.
José Tomé Roca recordou que o prazo a presentación de instancias para solicitar un dos 5 espazos do Viveiro de empresas segue aberto ata o 29 de agosto. “Dende o Concello”, sinalou o rexedor monfortino, “puxemos en marcha este Viveiro de Empresas, co obxectivo de favorecer a implantación de iniciativas empresariais no Polígono industrial de O Reboredo, e de contribuír á creación e posta en marcha de novas iniciativas económicas que potencien e diversifiquen o tecido empresarial e a xeración de emprego na nosa cidade”.
O proxecto de construción do novo vial contou cun investimento de 355.627,16 euros (IVE engadido), e foi desenvolto pola empresa Misturas S.A., do cal o Concello aportou 235.627,16€, mentres que a Xunta de Galicia achegou 120.000€.
Aposta polo Polígono do Reboredo
“Afortunadamente, o Polígono, despois de moitos anos nos que non tiña a demanda que se esperaba cando se construíu, a principios dos anos 80, e logo dunha boa promoción que fixemos ó longo do tempo, temos case a práctica totalidade das súas parcelas vendidas a empresas interesadas en instalarse aquí ou crecer”, destacou o Alcalde.
Boa mostra da saúde da que goza é a necesidade da ampliación do Polígono ,“O polígono do Reboredo está de noraboa porque está crecendo e dende o Concello pensamos en articular novas medidas de crecemento, motivo polo cal solicitamos hai unhas semanas o SEPES o incremento da súa superficie, para que haxa máis posibilidades industriais nesta zona do interior de Galicia”, destacou José Tomé, cuxo equipo de goberno leva investido no Polígono 1,1 millóns de euros en 6 anos, dos cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros, no período 2016-2022.
En 2016, levouse a cabo a renovación do pavimento e a sinalización horizontal dun primeiro tramo da rúa nº 1 do Polígono, cun investimento a cargo do Concello de algo máis de 83.000 euros.
No ano 2017, acometeuse a mellora do alumeado das rúas do polígono, coa colocación de novas luminarias LED que supuxeron un aforro enerxético e unha mellora medioambiental singnificativas. A inversión total neste proxecto superou os 53.000 euros.
A reforma da Depuradora do Polígono (EDAR) tivo lugar en 2018, cunha inversión cercana ós 99.000 euros. Os traballos consistiron no aumento da súa capacidade de tratamento en 219.000 metros cúbicos ó ano, o que supuxo un aumento de preto do 50%.
A mellora das infraestruturas viarias do Polígono tivo continuidade o pasado ano 2020, coa renovación do pavimento e sinalizacións horizontais do segundo tramo da rúa nº 1, así como das rúas nº 2 e nº 3 completas. Nesta ocasión, o investimento superou os 90.000 euros.
No pasado mes de xullo deste ano 2021, o Concello executou o proxecto para a conversión dun camiño público do Polígono nunha nova vía que facilita as comunicacións internas do polígono, así como o seu desenvolvemento e ampliación. Neste proxecto, o Concello investiu case 236.000 euros, cun orzamento total de 355.627,16 euros.
Outra das iniciativas propias nas que o Concello traballou dende mediados de 2021 foi na rehabilitación dunha nave municipal do polígono, que converteu no primeiro Viveiro de Empresas do Concello, para o cal a inversión destinada polo Equipo de Goberno monfortino superou os 235.000 euros, dun orzamento total de máis de 427.000 euros.
O Alcalde tamén recordou que o Polígono contará con 14.000 metros cadrados máis de chan industrial, procedentes da revocación de contratos de compra de diversas parcelas a cargo de varias empresas, establecidos nos anos 2006 e 2007, os que se engadirán 111.000 metros cadrados, cedidos pola Deputación de Lugo neste ano 2022.