Investimento de 1,7M€ “para un antes e un despois na rede de abastecemento de Monforte”

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou na mañá deste mércores, 13 de xullo, co representante da empresa FCC Aqualia S.A., Francisco Javier García Linares, un Preacordo que suporá, en verbas do Alcalde “un antes e un despois na mellora da rede xeral de abastecemento de auga de Monforte”.

Mellora abastacemento presentación / concello de Monforte

O Preacordo obedece á execución do cumprimento parcial da sentenza nº 269/2021, de 30 de decembro,  do Xulgado Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo, na que se ordenou á empresa Aqualia a execución de investimentos incluídas no seu Plan de Investimentos para o Concello de Monforte, por un importe de 1.671.671,22 euros, que sumando os intereses de demora, ascenderá a 1.784.831,44€.

“Fai uns meses”, resaltou o Alcalde, “prodúxose un relevo nos responsables de Aqualia en Galicia, e isto fixo posible abrir un novo proceso de diálogo entre a empresa e o Concello”, o cal permitiu acordar o investimento de 1.671.617€ establecidos pola citada sentenza.

O proxecto que acometerá Aqualia denomínase Desdobramento da rede xeral da distribución de Monfortee consistirá na construcción dunha nova tubería xeral na rede de abastecemento, de fundición, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente.

“Deste xeito, teremos desdoblada a Rede Xeral de Abastecemento, dado que teríamos 2 tubaxes, a actual e a nova tubaxe, e así evitamos as reiteradas roturas na actual tubaxe de fibrocemento, xa que a nova de fundición é moi difícil que teña unha avaría deste tipo”, explicou o Alcalde.

Ademais, engadiu José Tomé, “a estas dúas posibilidades de abastecemento hai que sumar unha terceira, xa que nas proximidades de Juan Montes, xa foi construído un bypass para conectar a antiga traída de Pacios de Veiga”.

O Alcalde salienta que “con esta obra resolveremos un problema moi importante, xa que vai garantir que Monforte non se quede sen auga potable. Hoxe é un día moi importante, porque sen renunciar a nada, damos o primeiro paso para cumprir os compromisos pendentes que establece o contrato entre Aqualia e o Concello”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here