Desde o concello consideran que a oficina permanecerá pechada durante todo o mes de agosto e anuncian que tentarán dar cunha solución, “sendo conscientes da pouca colaboración que se vai ter por parte da entidade bancaria que heredou unha oficina (Banco Pastor e despois Banco Popular) que durante moitos anos se lucrou da actividade económica dos nosos veciños”. E engaden que o problema verase agravado porque tamén desaparecerá o único caixeiro que opera no concello ao estar vinculado á entidade bancaria.
O pleno tomou a decisión por unanimidade de que no caso de que este peche sexa definitivo se dará orde de reducir á mínima expresión todas as operacións financieiras co Banco Santander, así como cancelar tódolos depósitos coa entidade, que rondan os 400.000 euros.
Tamén se tomou acordo plenario para elevar unha queixa ó Defensor do Pobo, dado o carácter social destes servizos. “O peche da axencia fará que os nosos veciños, cunha poboación moi avellentada, se teñan que desplazar a outro concello para facer as súas xestións financieiras”, sinalan.
O pleno tratou con carácter de urxencia o escrito de protesta que presentaron os representantes da ANPA do CEIP de San Clodio ante a delegación provincial da Consellería de Educación. “Os pais e nais dos nenos do colexio de San Clodio veñen de enterarse de que se vai suprimir un profesor. Isto ten como consecuencia o agrupamento de catro cursos nunha soa aula, facendo inviable a actividade docente.” O pleno da corporación apoia unánimemente o escrito e ofrece á ANPA tódolos medios locais que precisen.
O tema central do pleno foi a constante sangría de perda de servizos públicos e privados: a perda de trens e o peche da estación de Renfe, liñas de autobús, deficiente servizo de cobertura telefónica, escasa protección do monte e prevención de incendios , etc… “Estas perdas de servizos súmanse ás que estamos sufrindo no medio rural en xeral e en Ribas de Sil en particular. Por un lado pelexamos por desenvolver o territorio con fondos europeos creando postos de traballo, ou loitanto por potenciar o Xeoparque, mellorando servizos para os veciños; e por outro lado nos atopamos con atrancos tan importantes que fan moi difícil sobrevivir aquí e loitar contra a despoboación. Así non se pode,” conclúe o alcalde.