Monforte celebra o día da Patroa

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, encabezando a comitiva institucional, participou nos actos litúrxicos de honra á Patroa da cidade, a Virxe de Montserrat, no día grande das Festas Patronais da cidade.

Festas Monforte, día da Virxe de Montserrat / concello de Monforte

A comitiva oficial encabezada polo Alcalde e formada por diversos membros da Corporación Municipal, así como por representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, isto é, Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local, así como diversas autoridades de índole local, galego e nacional, partiu ás 10:45 horas da Praza do Concello, como é tradición, para dirixirse á igrexa da Régoa, acompañados polo Grupo de Baile Tradicional e a Banda de Gaitas do Concello de Monforte.

A tradición tamén marca que esta celebración na honra da Patroa de Monforte se celebre na igrexa de San Vicente, pero as obras de restauración que se están levando a cabo nela, fixeron que os actos litúrxicos do 15 de agosto se trasladasen á igrexa da Régoa.

A chegada da comitiva oficial á igrexa da Régoa tivo lugar ás 11 horas; o párroco D. Rafael recibiu ó rexedor municipal e, tras elo, iniciouse a eucaristía na honra da Patroa de Monforte, a Virxe de Montserrat. Posteriormente no atrio da igrexa celebrouse unha ofrenda floral na que o Alcalde de Monforte depositou flores ante a Virxe. Tras el, fixérono o resto de membros da Corporación Municipal e demais autoridades presentes, e deseguido, todos aqueles veciños e visitantes que quixeron render sentida homenaxe á Virxe.

Este mesmo 15 de agosto ten lugar a celebración do ‘Día do Gaiteiro’, unha xornada na que se pretende amosar e dignificar a riqueza cultural galega da música e a danza tradicionais galegas. Ás 11:00 h. tivo lugar unha alborada con diferentes gupos de gaiteiros, locais e de fóra e por diferentes puntos da cidade, ás 20:15 h. haberá un pasarrúas dende a Compañía ata chegar á Praza España onde se desenvolverá unha ‘Mostra de danza e música tradicional’ coa participación de varios colectivos locais máis o Cego da Veneira da Pobra do Brollón.

Formación tradicional local na Rúa Cardenal esta mañá / XdL
Día do Gaiteiro polas rúas de Monforte / XdL

Ademais do anterior, o Malecón vivirá a saída ao Cabe das barcas engalanadas, actividade na que participan o Club de Piragüismo Quixós, a Escola Municipal de Gaita e Percusión e Os Xograres de Lemos; haberá os fogos artificiais de San Vicente ás 00:00 h., un concerto da popular Ana Mena –00:30 h. na Praza da Compañía– e verbena coa orquestra Costa Dorada.

Para rematar este espectacular programa de festas, mañá, 16 de agosto, baixará o telón o festival cómico festivo coas últimas actuacións do ciclo, haberá un pasarrúas a cargo do grupo de batucada ‘Baturruca’, terán lugar os fogos artificiaisde auga no Paseo do Malecón ás 00:00 h. e como guinda ao pastel, concerto do grupo Mago de Oz –00:30 h.– e verbena coa orquestra Acordes.

Actuación de acrobacia esta mañá na Praza España / XdL

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here