Trátase dos lotes 1 e 5, correspondentes ao mobiliario xeral, adxudicado á empresa Industrias Hidráulicas Pardo S.L. por preto de 160.000€, e á cortinaxe, da que se ocupará Suministros Sanitarios SLU cun orzamento de case 13.000€. A subministración realizarase nunha única entrega e nun prazo máximo de dous meses, unha vez asinado o contrato.
Coa adxudicación destes dous lotes, quedan tres para completar o subministro do equipamento necesario para a residencia de Ribas de Sil, que son os correspondentes aos equipos médicos e axudas técnicas; lavandería; e cociña. “Se todo vai sobre o previsto, tamén se adxudicarán nas vindeiras semanas, porque as empresas que presentaron oferta xa están entregando a documentación solicitada polos servizos técnicos da área de Benestar para completar o procedemento e facer efectiva a adxudicación”, explicou Pablo Rivera.
O Deputado lembrou que o investimento total que fai a Deputación para dotar de equipamento ao Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil ascende a preto dos 332.000€. A Deputación segue traballando para crear outras 9 residencias, nos concellos de Guitiriz, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Portomarín, Folgoso do Courel, Ourol, Becerreá, Pantón e Cervantes.
Colaboración cos hostaleiros
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén un convenio de colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) por 20.000€ co obxectivo de contribuír ao fomento do asociacionismo no sector turístico e gastronómico, e para o mantemento da sede que o colectivo ten na Ribeira Sacra.
Con esta contía, a APEHL pretende fortalecer unha estrutura de funcionamento que permita mellorar e ampliar a oferta turística desta zona. “O obxectivo é lanzar unha campaña de fomento do asociacionismo entre empresas que prestan servizos turísticos na Ribeira Sacra, e, deste xeito, seguir traballando nesta liña de aproveitar os inmensos recursos da zona para dinamizar o tecido produtivo e, polo tanto, a economía”, concretou o Deputado.