X Feira de Artesanía e Produtos da Zona en Triacastela o 24 de setembro

A xornada, que non se celebra desde antes da pandemia, estenderase ao longo de todo o día desde as 11.00 da mañá.

O Concello de Triacastela organiza para o sábado, 24 de setembro, xunto coa Asociacións de Artesás do Tear Atelar e a Asociación de Mulleres Rurais Tres Castros, a X Feira de Artesanía e Produtos da Zona. Na cita colaboran ademais a Xunta de Galicia, o Xacobeo 2021-2022, Artesanía de Galicia e a Deputación de Lugo.

Ás 11:00 da mañá farase a apertura oficial dos postos de artesanía. Ás 12:00 horas haberá un pasarrúas a cargo da charanga Os Chafalleiros de Monterroso. Ás 13:00 horas levarase a cabo a lectura do pregón a cargo do sarriao, Saturnino Díaz Palmeiro. O Concello quere con este xesto recoñecer a traxectoria de Saturnino, moi ligada a Triacastela, onde exerceu de veterinario desde o ano 1971 ata o 1976. Nunha segunda etapa, que comezou en 1990 e durou vinte anos, volveu á localidade como inspector de saúde. Saturnino asegura que en Triacastela pasou os mellores anos da súa vida.

De seguido haberá sesión vermú para ás 16:00 horas volver desfrutar da música da charanga Os Chafalleiros polas rúas da localidade. Ás 17:00 horas será a quenda do acto literario ‘Camiños e Cantares nos eidos da bremanza: Unha peregrinación literaria, cantada e falada’ en homenaxe ao poeta, Fiz Vergara Vilariño na Igrexa de Triacastela. No acto haberá música, un relatorio sobre a Cova Eirós a cargo do catedrático Ramón Fábregas, outro sobre Pilar Armesto Valiña, a cargo da xornalista Dolores Cela, e unha lectura colectiva de textos e poemas de diferentes autores galegos.

A partir das 19:00 horas haberá cantos de taberna polos locais de hostalería. A clausura da Feira será ás 20:00 horas. Ao longo de todo o día haberá pulpeiros para quen desexe comer na localidade, ademais do servizo que ofrecen os locais de hostalería de Triacastela.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here