“A castaña é o marisco da terra”, Xoanqui Ameixeiras, pregoeiro da Festa da Castaña do Courel

O popular cociñeiro, habitual estes anos na televisión de Galicia, será un dos protagonistas da celebración que exalta o produto estrela do Courel e que este ano terá lugar en Folgoso o vindeiro 5 de novembro.

Xoanqui Ameixeiras. Foto: Concello Vilagarcía de Arousa

Xoanqui Ameixeiras conta que leva na cociña case toda a vida, dende os 11 ou 12 anos cando empezaba a axudar na taberna da súa nai, ‘A Marola’ de Fene. Explica como anécdota que adoita presentarse ensinando o callo que ten no índice da man dereita para demostrar a experiencia e lembra tamén que os seus amigos ían xogar a baloncesto mentres el tiña tiña que estar na cociña.

A súa traxectoria televisiva nos fogóns levárono por programas como “Desafío nos fogóns”, “Larpeiros diplomados”, “Estache bo!” e “A cociñeta”. Actualmente, ao marxe dos focos, está facendo un obradoiro de cociña de aproveitamento na Praza de Abastos de Vilagarcía e rematando un libro de receitas que espera publicar con Galaxia para a primavera do 2023. “Son receitas miñas, das habituais que fago na casa, receitas sen adorno e con ingredientes ao alcance da nos aman”, refire Xoanqui.

“Pasei a etapa de progresar teoricamente e vexo que queda un baleiro na cociña tradicional”

Falando con el quédanos claro que é un firme defensor da cociña tradicional e está convencido de que “aínda se pode mellorar”. “Pasei a etapa de progresar teoricamente e vexo que queda un baleiro na cociña tradicional”, comenta ao tempo que solta dúas reflexións que confirman a súa teoría: “Hai moito teriyaki e pouco choco en tarteira de barro”, “se queres unha caldeirada de peixe como antes xa non queda moito onde atopala”.

PREGOEIRO NA FESTA DA CASTAÑA DO COUREL

Este sábado, 5 de novembro, Xoanqui será o encargado de dar o pregón da XXXIII edición da Festa da Castaña do Courel ás 13:30 h.

Cóntanos que non vén por estas terras dende que era pequeno e ten moitas ganas. Por circunstancias da vida e falta de tempo non atopou a ocasión de achegarse. Agora aplaude esta ocasión que se lle presentou grazas á recomendación do seu apreciado e admirado amigo José Manuel García, un gran divulgador do Courel e coñecido, entre outras cousas, polo seu programa ‘Comer e falar’ da Radio Galega.

Respecto ao pregón, non nos quere adiantar nada. Só sabemos que ten unha serie de anotacións a partir das que tirar e que a castaña, evidentemente, será a protagonista. Non será o seu primeiro pregón. Xa ten feito outros, por exemplo este mesmo verán en Vilagarcía, onde vive, pero confesa que este da Festa da Castaña en Folgoso será especial e non lle custará moito tendo en conta que falará dun produto que lle gusta. “Podo dicir vinte mil cousas bonitas da castaña”, di Xoanqui.

“A castaña é o marisco da terra”

Para rematar a nosa conversa preguntámoslle por algunha elaboración con este produto e pedímoslle consello de como asalas se non temos diante unha lareira ou unha fogueira cun cacho. Antes de  nada, Xoanqui di que “a castaña é o marisco da terra” e lembra que este produto está saíndo do anonimato como o fixo no seu momento o berberecho. “Agora son produtos moi apreciados”, sinala.

Respecto ás elaboracións, o noso interlocutor di que hai moitas e láiase de que algunhas receitas con castañas estanse perdendo pero aproveita para darnos dúas opcións: unha que vai levar estes días ao obradoiro de cociña de Vilagarcía, “castañas con berberechos”, e outra sinxela que non asuste a ninguén, “langostinos ao ajillo con castaña do Courel”.

Para asar castañas na casa recomenda facelas nunha tixola sempre que haxa fogóns con lume, e se non optar polo forno. Poñelo a tope, a moi alta temperatura, e despois ao sacalas poñerlles un pouco de sal e unha envoltura para que súen, así acaban de cocer e será máis doado pelalas.

Cartel obra do alumnado da Escola Infantil e Primaria do CPI Poeta Uxío Novoneyra

PROGRAMA COMPLETO DA FESTA DA CASTAÑA

Ás 12:00 h. Terá lugar a apertura do recinto feiral no souto e unha representación de música de raíz con Xavier Blanco, da Fundación Legar.

Ás 13:00 h. Degustación de pratos elaborados con castaña a cargo da Asociación Cociñeiros Lugo.

13:30 h. Pregón a cargo do cociñeiro Xoanqui Ameixeiras e entrega de trofeos do III Concurso de Tapas de Castaña. A continuación haberá unha actuación do grupo de Gaitas e Cantores do Courel.

Xa pola tarde, ás 18:30 h. haberá un concerto de Rosa Sánchez e Pablo Carpintero na carpa da Praza do Concello; e ás 20:30 h. unha cea popular na mesma localización.

Ás 22:00 h. actuará o Dúo Explosión, ás 23:00 h. o grupo Gin Toni’s ofrecerá un concerto e xa para rematar a festa volverá tocar o Dúo Explosión.

Durante a xornada –ata a noitiña– haberá degustación de castañas e viño e o recinto feiral estará amenizado por unha charanga e o grupo de gaitas quirogués O Recanto.

Grupo de Música Tradicional ‘O Recanto’ / XdL

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here