HomesociedadePetiscos de Nadal en Taboada o 17 de decembro, Mercado da Ribeira...

Petiscos de Nadal en Taboada o 17 de decembro, Mercado da Ribeira Sacra para estas Festas

Este ano a xornada central do sábado, 17 de decembro, amplíase a venres e domingo co Concurso de Tapas de Nadal na hostalería de Taboada entre 19.00h. e 23.00h. Ademais, o 16 de decembro ás 20.00 proxectarase na casa da cultura de Taboada o documental “El último de Arganeo”, do director de Chantada, David Vázquez.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Taboada celebra este sábado, 17 de decembro, a II edición de Petiscos de Nadal, Mercado da Ribeira Sacra. A cita organizada por ACIMTA, Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada, ten como obxectivo promover o mercado de proximidade e promocionar os produtos do municipio e da Ribeira Sacra. “O ano pasado foi de presentación e este ano consolidámolo cunha ampla variedade de artesáns, coa participación de dezasete postos no mercado máis unha mostra dun artesán da madeira. Traballamos para que sexa un evento de referencia do Nadal dentro da Ribeira Sacra, destinado a todos os públicos que queiran coñecer e mercar produtos locais de artesáns da zona e a súa vez poidan gozar da gastronomía da vila e da extensa oferta cultural nesta fin de semana en Taboada”, sinala o coordinador de ACIMTA, Iván Vázquez.

O día central de Petiscos de Nadal é o 17 de decembro con exposición e venda de produtos desde as 12.00h. da mañá ata as 19.00h. na Praza de Riazón. Contarase con artesanía, viño, produtos gastronómicos, cosmética, libros… Ademais, durante a xornada haberá diferentes actividades e concertos. Ás 12.00h actuará Os Rechouchíos; ás 12.30h. a poeta labrega Ana Vila Portomeñe, terá firma de libros no mercado no posto da libraría Arco Iris. Ás 16.30, contarase cunha demostración a cargo do artesán Hussein Aali-Taleb Fernández, o “Cunqueiro de Palas”.

A presidenta de ACIMTA, Tamara Castro, asegura que “o ano pasado a xente quedou moi contenta, había unha ampla variedade de artesáns con diferentes produtos que motivaron as veciñas e veciños a mercar os seus agasallos de Nadal no mercado. Este ano seguimos na mesma liña de traballo, con diversos postos de artesáns, coa máxima representatividade posible dentro da Ribeira Sacra e facendo unha aposta firme polos produtos locais”. Engade, “poderemos mercar produtos de todo tipo, como mel, castañas, viños, galletas, xeados… ata libros, cosméticos, decoracións con madeira ou agasallos de coiro. Seguimos traballando para ser un punto de referencia á hora de dar a coñecer os produtos da zona, especialmente para apoiar novas propostas e iniciativas de artesáns que aporten valor.”

Para isto cóntase con artesáns locais e doutras vilas como Carballedo, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, Quiroga, Folgoso do Courel… que darán a coñecer os seus produtos no mercado. “Hai moita xente traballando o produto e a artesanía local, son xente con moitísimo talento e queremos darlles un espazo para que no Nadal teñan unha forma de promocionar os seus artigos e os seus traballos”, aseguran.

Programa

Non faltará a programación infantil coa actuación da banda infantil A Gramola Gominola ás 13.00h; tamén haberá un espectáculo e obradoiro de maxia co Mago Deimi, a partir das 16.30h. De 19.00 a 23.00 a hostalaría de Taboada ofrecerá tapas de Nadal. O mercado pecharase a partir das 19.00h. coa actuación de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre.

“Grazas a todas as colaboracións que apoiaron o mercado poderemos gozar dunha interesante oferta cultural, abrindo o fin de semana ao venres coa proxección do premiado documental El último de Arganeo. A xornada do sábado estará repleta de música e actividades culturais: Rechouchíos, Gramola Gominola, firma de libros con Ana Vila, O cunqueiro de Palas, O Mago Deimi… e para pechar a segunda edición do mercado Petiscos de Nadal contaremos coa actuación de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, que será un espectacular fin de xornada do sábado”, asegura Tamara.

“No proxecto deste ano tamén temos que agradecer a colaboración a todos os nenos e nenas do C.P.I. San Tomé do Carballo de Taboada que fixeron debuxos de Nadal para a decoración do mercado. Desexamos velos a todos acompañados das súas familias, e a toda a xente que se queira acercar ao mercado para  pasar unha fin de semana única en Taboada”, conclúe a presidenta de ACIMTA.

ÚLTIMAS

27 de xuño de Portas Abertas no servizo de atención temperá de Quiroga

Dende o Servizo de Atención Temperá tiveron a iniciativa de reunir a todos/as os...

Monforte acolle o Campus Internacional Ucraíno de Verán de Ximnasia Rítmica do 24 ó 28 de xuño

O programa de contidos do Campus contará con sesións de aprendizaxe, masterclass internacional e...

“Nin un só día sen médico e unha lei de alta montaña”, pide Courel Vivo ao pleno

O concello do Incio está situado nunha zona de montaña cunhas intensas características orográficas...

O Colectivo Vermut ‘ao rescate’ do San Xoán dos Chaos, en Monforte

Moitas celebracións populares van a menos, e incluso pérdense, por falta de relevo xeracional....