A Cabalgata de Reis polo centro urbano de Sarria comezou ás 18.00 horas partindo desde a Feculeira e percorrendo a rúa da Liberdade, a rúa Diego Pazos e a rúa Matías López para rematar na Praza da Vila. Durante todo o percorrido, os tres Reis Magos foron acompañados polos nenos e nenas do municipio que se inscribiron para formar parte da comitiva de paxes reais.
Dende o concello agradecen o traballo voluntario e desinteresado na cabalgata de AgroLugo, Abanca, Policía Local, Protección Civil, persoal municipal, e de colectivos culturais como Peleriños e Meigas e Trasgos, Sarria Bikers e outras/os participantes que axudaron.
En Monforte, os Reis Magos chegaron á Estación de tren onde foron recibidos polo Alcalde, José Tomé Roca, o Equipo de Goberno e outros concelleiros da corporación municipal. Nese momento estiveron acompañados polo Grupo de Gaitas do concello.
A Comitiva Real estivo integrada por catro carrozas, unha coa Estrela de Nadal e 3 para os Reis Magos e seus paxes, e amenizando o percorrido a música dunha charanga e do Grupo de Gaitas do concello. Tamén houbo como acompañamento uns pingüinos, unicornios e osos polares xigantes. Os paxes foron alumnos de sexto de primaria dos centros de ensino da cidade. Dende a Praza da Estación percorréronse as rúas de Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avenida de Galicia (Ponte Novo), finalizando no Campo de Santo Antonio ante a Casa do Concello.
De seguido, dende o balcón da Casa do Concello deuse lectura ao “Discurso real”, guindáronse caramelos aos asistentes congregados na praza e finalmente os Reis Magos recibiron aos nenos e nenas no vestíbulo.
En Sober tras o seu paso por Bulso, Anllo e a Residencia de maiores chegaron ao Centro Sociocultural onde os agardaban unha chea de cativos e cativas para recibir os seus agasallos. Como guinda a esta gran noite houbo un Canto de Reis a cargo da Coral Samoeiro e O Trícole.
No Concello de Pantón os Reis Magos visitaron o Centro de Día e despois, ás 18:30 h. chegaron á Casa da Cultura onde agardaban os pequenos e pequenas para poder falar con eles. A espera foi máis levadeira porque dende as 17:00 h. tiveron diferentes actividades e obradoiros.
No Saviñao a cabalgata comezou o percorrido en Currelos onde os Reis Magos fixeron recepción de cativas e cativos ás 16:30 h. no Centro Sociocultural.
Sobre as 18:30 h. chegaban xa a Escairón, cun percorrido que tivo unha primeira parada na residencia de maiores e na Igrexa. A recepción final dos Reis Magos foi no Auditorio Municipal.
Na Pobra do Brollón, os Reis Magos estiveron acompañados dos gaiteiros de Samoeiro no seu percorrido polas rúas da vila. Sairon ás 16:30 do Centro de Día e remataron na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ coa entrega dos premios do Concurso de Tapas, e dos Certames de Poesía e de Postais de Nadal. Ademais do anterior tamén houbo lugar para a música e unha chocolatada popular.
Neste concello informan tamén que xa van en camiño para veciñas e veciños os calendarios de 2023 realizados coas postais gañadoras do concurso do pasado ano.
O Concello de Chantada tamén celebrou por todo o alto a Cabalgata. Pola tarde os Reis Magos visitaron os maiores da Residencia DomusVi e despois percorreron as rúas da vila acompañados polos paxes reais e por zancudos, cabalos máxicos e xigantes luminosos. Ao finalizar fixeron unha recepción á cativada no Auditorio Municipal tras ser recibidos polo alcalde, Manuel L. Varela.
En Bóveda os Reis Magos chegaban ao Centro Sociocultural tras o seu paso polo Centro para Persoas con Discapacidade Física. Alí foron recibidos coa música da Banda de Gaitas Municipal e entregaron agasallos as nenas e nenos presentes. Un espectáculo de maxia para todos os públicos amenizou a benvida ás SS. MM.