Aproveitando o Día contra o Cancro de Mama, o Departamento de Igualdade e Benestar do Concello de Quiroga a través do Centro de Información á Muller (CIM) organizou este venres unha andaina solidaria para lembrar que na loita contra esta enfermidade as mulleres e a sociedade en xeral teñen que ser fortes e estar unidas/os.
Baixo o lema “ponte en marcha contra o cancro” reuníronse no Auditorio Municipal unhas 50 persoas para percorrer o paseo fluvial de Quiroga. Os participantes recibiron unha camiseta como agasallo simbólico. A concelleira de Igualdade e Benestar, Ana Núñez, agradeceu aos participantes a súa solidariedade e no transcurso da camiñada tamén se contaron testemuños de mulleres que padeceron e superaron a enfermidade.
Xa de cara ao 28 de outubro está programada unha excursión para coñecer o territorio do proxecto Xeoparque Montañas do Courel na que as protagonistas serán mulleres dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Courel. É unha actividade que se repite dende hai uns anos na que se visitarán enclaves destacados da zona: Miradoiro da Pena do Ladeiro, Miradoiro de Louxoa, Campo Mámoas de Ruidos, Miradoiro das Fontes, Miradoiro da Pómez, Miradoiro de Campodola, Castro da Torre, Val das Mouras, Castelo de Carbedo, Devesa da Rogueira, Cova Burata das Choias e Fervenza de Vieiros.
A saída faise de Quiroga ás 8.45 h., percorrido en bus polas diferentes localizacións, comida en Casa Ferreiro de Seoane e chegada a Quiroga arredor das 19.00 h. O custe da actividade é de 20 euros e as prazas son limitadas, inscrición ata o 24 deste mes nos teléfonos 982 438951, 982 428001 e 689003747
E outra muller quiroguesa acaparou tamén a actualidade estes días. Trátase da sumiller e “Filla Predilecta de Quiroga”, Mónica Fernández. Vén de ser galardoada co Premio á Mellor Dirección de Sala 2018 polo xurado da III Edición dos Premios de Gastronomía da Comunidade de Madrid.