IniciosociedadeA Xunta rectifica e reduce os horarios da obra na estrada LU-651...

A Xunta rectifica e reduce os horarios da obra na estrada LU-651 para que o alumnado do colexio do Courel non se vexa afectado

Despois das protestas polo corte da estrada e a negativa dos pais a aceptar as alternativas propostas, a Xunta decidiu modificar os horarios de traballo da empresa que está a realizar a mellora da estrada Folgoso-Seoane. A alcaldesa comunicou verbalmente o venres esta decisión á dirección do centro educativo e á directiva da anpa. Deste xeito, a empresa deixará de traballar cada día ás cinco da tarde e reemprenderá os traballos ás nove e media da mañá do día seguinte para que o transporte escolar poida realizar o seu percorrido habitual.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tamén adaptará desde o próximo luns os servizos regulares de transporte público que discorren por Folgoso do Courel. Está previsto pechar o tramo á circulación os días laborables a partir das 9,30 horas, para permitir o paso do transporte escolar; pola mesma razón, nesta fase da obra adiantarase a apertura ás 17.00 horas, horario que se manterá sempre que a evolución dos traballos o permita para ocasionar o mínimo trastorno posible. Tentarase dar todas as facilidades e adaptarse na medida do posible ás necesidades da poboación, especialmente do centro educativo. Fóra desa franxa horaria, abrirase parte da vía e darase paso alternativo á circulación nos distintos sentidos, regulados por semáforos.

En días festivos e fins de semana a estrada quedará completamente aberta á circulación, salvo incidencias puntuais. Mentres dure o corte total da estrada, a Xunta adaptará os servizos de autobús que comunican Folgoso do Courel. No caso da conexión con Pedrafita do Cebreiro, os servizos terán inicio e finalizarán en Seoane do Courel. No que respecta á conexión con Quiroga, os cambios poderían afectar ao servizo que ten saída nesta localidade ás 17,00 horas os luns e venres e os días de feira (10 e 27 de cada mes); se as circunstancias obrigaran a manter pechado o tramo máis alá desa hora en días coincidentes cos sinalados, o transporte realizarase nun vehículo turismo polo desvío habilitado. 

Pola súa banda desde a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra solicitouse ao Concello o compromiso para que se estableza unha comunicación directa e diaria entre o xefe de obra e o colexio, “para que as familias estean informadas en todo momento das incidencias que puidese haber nas obras e que repercutan nos horarios. Xa que se nos informou verbalmente que haberá días que a execución da obra non poderá cumprir cos horarios polo que precisaremos saber o horario real da chegada á casa do alumnado. Solicitamos tamén un compromiso por parte do concello para que, ante a posibilidade de incidencias na obra os nenos non podan acudir ao colexio, sexa a administración local a que xestione un servizo de conciliación familiar.”

A ANPA asegura que estará atenta ás comunicacións da Xunta en canto ao compromiso de apertura da estrada os venres ás 15h. “Agardamos  que sexa o antes posible e non teñamos que continuar coas medidas de presión previstas.”

ÚLTIMAS

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar...