Os polígonos agroforestais teñen por obxecto recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. En Galicia hai 21 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai case dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.000 parcelas propiedade duns 7.500 veciños.
O conselleiro indicou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Con esta ferramenta búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios.
Dentro da comarca de Terra de Lemos hai implantadas varias figuras da Lei de recuperación, como o polígono agroforestal de Ver, no concello de Bóveda, con 51,95 hectáreas distribuídas en 292 parcelas de 200 titulares. Este polígono vén de declararse de utilidade pública e de interese social e nel estase a levar a cabo a investigación da titularidade. Está orientado á gandaría en extensivo (pastos) e a cultivos forraxeiros/herbáceos.
Tamén está a aldea modelo de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón, de 15,55 ha, 278 parcelas e 73 propietarios, que conta con produción de vacún en extensivo. Mentres, a de Francos de Proendos, en Sober, saíu a concorrencia o venres pasado e nela defínense como actividades principais a explotación gandeira en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto e como actividade secundaria, a plantación de árbores para a obtención de froito nunha das zonas definidas. Ten unha superficie de 12,87 hectáreas arredor do núcleo que se busca dinamizar, repartidas en 119 parcelas de 70 titulares.
Coa Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.