A realidade é que non todas as persoas teñen acceso nas mesmas condicións a estas prácticas deportivas ou de lecer. “Aínda hoxe en día existe unha escasa oferta de actividades de lecer adaptadas, que xa se perciben dende as idades temperás, nos propios parques infantís. Segue sendo un acontecemento a inauguración dun parque infantil público con xogos adaptados, cando debería ser a normalidade”, apuntan desde COGAMI. Os parques con algunha atracción adaptada van proliferando pero seguen sendo escasos e non se adaptan ás necesidades de todas as nenas e nenos que comparten este espazo de xogos. Dende a infancia máis temperá as persoas con discapacidade vense excluídas nas actividades de lecer e, polo tanto, da oportunidade de socializar coas que son da súa idade, da súa parroquia ou barrio.
Agora que estamos en tempada de campamentos de verán, son escasos os que ofrecen prazas para que poidan participar nenas e nenos con discapacidade e, os que si ofrecen prazas, estas son limitadas, afectando en maior medida aos que viven no rural porque os recursos son menores e os desprazamentos fanse fundamentais para practicar calquera actividade. “Ás veces semella que, se tes discapacidade, a única opción para poder participar nalgunha actividade de lecer ou deportiva, é asistir a unha específica para persoas coa túa mesma discapacidade”, expresa Isabel González da área de Lecer de COGAMI. “Reclamamos máis actividades de lecer e deportivas inclusivas, que non só sexan para persoas con discapacidade, senón, que sexan para todas. Cos apoios necesarios, todas e todos podemos compartir o mesmo espazo de xogo”, engade Isabel González.
Escasas son tamén as ofertas de actividades de lecer, a non ser que sexan desenvolvidas por entidades representativas da discapacidade como COGAMI. Cos fondos do 0,7% do IRPF do recadro de actividades sociais que xestiona a Xunta de Galicia, COGAMI organiza un programa de lecer, cultural e de deporte inclusivo que ofrece actividades adaptadas ás necesidades das persoas participantes, como as 26 que desenvolveron durante o ano pasado nas que participaron máis de 300 persoas.
Dende COGAMI pídese tamén que se teñan en conta ás persoas con discapacidade no deseño das actividades de lecer e tempo libre, para garantirlles a accesibilidade e adaptabilidade ás súas necesidades. Segundo indica Isabel “a día de hoxe continúa sendo imposible que unha persoa con mobilidade reducida escolla un deporte que sexa do seu interese e atope unha maneira de practicalo, salvo se vive nunha gran cidade ou non ten problemas para desprazarse centos de quilómetros”.
CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI
Dende COGAMI queren dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9% do total da poboación.
No mes de xullo reivindican a práctica do deporte e de actividades de lecer polos beneficios que implican para o benestar das persoas, tanto a nivel físico como mental.
O resto dos meses, recollerán estas outras reivindicacións:
- Agosto. SOMOS PRESENTE, SOMOS FUTURO: Atendemos ás necesidades da infancia e a xuventude.
- Setembro. SOMOS ACCESIBILIDADE: Deseñamos contornas e espazos para todas as persoas.
- Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo.
- Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social.